O contrato divídese en 4 lotes, un por provincia

A Xunta licita por importe de 4 M€ o contrato de servizo para a redacción de proxectos en materia de estradas

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 7 de setembro

O obxecto do contrato é prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización de actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas

Abrangue desde a redacción de proxectos sinxelos, que non teñen complexidade técnica nin precisan expropiacións, ata outros de maior envergadura, que xa requiren da redacción de proxecto de trazado e construtivo, información pública ou trámite ambiental

Permitirá atender as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas, sen prexuízo de que para obras máis grandes se liciten contratos de redacción independentes

Co fin de facilitarlles aos licitadores a presentación das súas ofertas, o contrato recolle a valoración de proxectos singularizados, como a redacción do proxecto do novo acceso ao hospital de Ourense desde a N-525, que suporá un investimento estimado de 5 M€
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

A Xunta licitou hoxe por importe de 3.983.855 euros o contrato de servizo para a redacción de proxectos en materia de estradas.

O contrato divídese en catro lotes, un por provincia. O lote 1 e 4 correspóndense coas provincias da Coruña e de Pontevedra e prevén, cada un deles, un investimento de 1.267.787 euros. Para os lotes 2 e 3, que engloban a provincia de Lugo e a de Ourense, respectivamente, o investimento de cada contrato ascende a 724.139 euros.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas a algún dos 4 lotes ata o vindeiro 7 de setembro.

A licitación que hoxe recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ten como obxectivo prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización de actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas.

O contrato inclúe a redacción de proxectos de trazado e construtivos e de proxectos máis sinxelos, como os de mellora do firme das estradas, de incremento da seguridade viaria ou de execución de itinerarios peonís e ciclistas; pero tamén de proxectos máis complexos que levan aparelladas estruturas, proxectos de urbanización e humanización de travesías en treitos urbanos das estradas da Xunta ou incluso para infraestruturas de novo trazado.

Abrangue, polo tanto, desde a redacción de proxectos sinxelos, que non teñen complexidade técnica nin precisan expropiacións, ata outros de maior envergadura, que xa requiren da redacción de proxecto de trazado e construtivo, información pública ou trámite ambiental.

Deste xeito, o contrato de servizo licitado hoxe permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarias para os próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación, sen prexuízo de que para proxectos grandes se liciten contratos de redacción independentes, como o caso da autovía Nadela-Sarria.

Co fin de facilitarlles aos licitadores a presentación das súas ofertas, o contrato licitado hoxe recolle a valoración de proxectos singularizados, como a redacción do proxecto do novo acceso ao hospital de Ourense desde a N-525, que suporá un investimento estimado de 5 M€.

Trátase dun novo acceso que conectará a N-525 coa avenida do Regato, un viario local executado parcialmente, facilitando un acceso directo cara ao hospital que evitará un rodeo e permitirá achegar o centro hospitalario ao conxunto da área sanitaria. A nova vía, prevista xa no planeamento urbanístico, ten resoltos os enlaces nos seus extremos, tanto na N-525 como no final da avenida do Regato na avenida de Zamora, ao igual que o paso sobre o río Barbaña, que está executado. O novo acceso disporá de 2 calzadas, cada unha con 2 carrís de circulación, separadas por mediana axardinada. Nun primeiro treito, de 330 metros, a actuación consistirá na duplicación da avenida do Regato; e nun segundo treito, de 310 metros, será de nova execución ata conectar coa N-525.

A Xunta traballa coa previsión de adxudicar o contrato licitado hoxe en outubro, asinalo en novembro e a partir de aí comezar xa coa redacción dos proxectos das distintas actuacións, sendo un dos primeiros traballos que se abordarán o do proxecto de trazado do novo acceso ao hospital de Ourense.

Data de actualización: 03/08/2023