A Xunta comeza as obras da nova pasarela peonil na estrada PO-244 na contorna do colexio Santiago Apóstol, en Soutomaior, que suporán un investimento de preto de 460.000 €

Acondicionarase o itinerario da vía autonómica dirixido á circulación peonil, substituíndo a actual pasarela de madeira sobre pilotes do mesmo material, fincados no terraplén

Habilitarase unha nova pasarela cunha anchura de paso libre de 2 metros, cos seus correspondentes elementos de protección lateral, reforzando a seguridade dos peóns

A varanda de protección lateral de madeira actual situada no tramo final da pasarela será retirada e instalarase o mesmo sistema de protección lateral unificando elementos

O obxectivo é ter rematados os traballos no 1º trimestre de 2024
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras da nova pasarela peonil na estrada autonómica PO-244, situada nunha zona moi próxima ao colexio Santiago Apóstol, no concello de Soutomaior.

Esta actuación de acondicionamento deste itinerario peonil da PO-244 suporá un investimento de preto de 460.000 euros. Ten un prazo de execución de 6 meses e o obxectivo da Xunta é ter rematados os traballos no primeiro trimestre de 2024.

As obras que se están a iniciar comprenden as actuacións necesarias para a reposición da pasarela de madeira situada na marxe dereita desta estrada, no tramo comprendido entres os puntos quilométricos 12+300 e 12+480. Intervense no tramo destinado á circulación peonil, formado por unha pasarela de madeira sobre pilotes do mesmo material, fincados no terraplén.

A nova pasarela executarase en plástico reciclado, cunha anchura de paso libre de 2 metros, nos que se incluirán os correspondentes elementos de protección lateral, que disporán dunha altura de 1,10 metros.

Na actualidade, nesta pasarela da estrada PO-244 o conxunto de madeira atópase bastante deteriorado, polo que se considera necesaria a substitución, de maneira que garanta a circulación dos peóns de xeito seguro.

O plástico reciclado no que se executará a pasarela é un material que ofrece unha alta resistencia á humidade e á intemperie, non se astilla nin sofre degradación, permitindo un mantemento máis sinxelo e é de fácil instalación.

Para realizar a instalación da nova pasarela procederase inicialmente ao fincado de pilotes sobre o terraplén existente.

Os pilotes, que serán de plástico reciclado, terán unha lonxitude máxima de 6 metros e de 200 mm diámetro. En sentido lonxitudinal os soportes colocaranse cunha separación máxima de 2,50 metros. Ademais, será necesario, para a correcta ancoraxe dos mesmos ao terreo, garantir unha profundidade mínima de fincado de cando menos 1,6 metros e 1/3 da lonxitude total do pilote.

Para a finca dos pilotes traballarase desde a plataforma da estrada anexa á zona de actuación, a PO-244. Durante os traballos tratarase de minimizar a afección aos usuarios desta vía.

Unha vez fincados os pilotes que servirán de apoio, colocarase a estrutura da pasarela. Tras a disposición da pasarela instalaranse os elementos laterais de protección, cunha varanda superior de pezas de sección cadrada, ancorada en postes de perfil de sección cadrada de e de 1,25 m de altura.

Ao final do tramo de pasarela hai actualmente unha zona con varanda de protección lateral de madeira, que será retirada, e instalarase o mesmo sistema de protección lateral que na pasarela, de modo que se unifiquen os elementos da zona.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023