A Xunta e o concello de Allariz investirán 48.000 euros en mellorar a escola infantil pública autonómica do municipio

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado do delegado do Executivo autonómico en Ourense, Gabriel Alén, e da alcaldesa, María Cristina Cid Fernández

Instalaranse novos vidros máis seguros que mellorarán a climatización no centro, reformarase o vestiario e aseo, repararanse as carpinterías e pavimentos de madeira e crearase unha zona de almacenamento na cociña
 

Allariz (Ourense), 2 de agosto de 2023 A Xunta e o Concello de Allariz colaborarán na mellora das instalacións da escola infantil pública autonómica que ten este municipio, na que se acometerán unha serie de obras por un montante de 48.000 euros e que se financiarán a través dun convenio xa asinado entre as dúas administracións. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o delegado territorial do Executivo autonómico en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe o centro acompañados da alcaldesa, María Cristina Cid Fernández.

Perfecto Rodríguez destacou a importancia da cooperación entre administracións para que os pequenos e as súas familias desfruten duns equipamentos de calidade. Neste sentido, explicou que a actuación que se levará a cabo na escola infantil de Allariz afectará a varias estancias.

Así, as obras programadas consistirán na substitución dos actuais vidros que ten o inmoble por outros máis seguros e que mellorarán a climatización no centro; na reforma do vestiario e aseo e na reparación das carpinterías e dos pavimentos de madeira. A intervención completarase con tarefas de pintado, a creación dunha zona de almacenamento na cociña, así como a substitución do radiador e a reparación da porta corredera que hai nesta mesma estancia.

Dos 48.000 euros que custarán as obras, o Consorcio achegará 25.000 e o resto correrá a cargo do Concello, que tamén se encargará de executalas, pois é o titular do edificio. Estes traballos suporán nunha importante mellora para este equipamento, que iniciou a súa actividade fai 20 anos.

A escola infantil de Allariz retomará o vindeiro mes de setembro a súa actividade con 62 nenos matriculados. As súas familias seguirán sen pagar nada pola atención educativa dos seus fillos durante o curso 2023-2024, posto que a Xunta mantén a gratuidade en todas as escolas de 0 a 3 anos da Comunidade Autónoma e para o 100% do alumnado.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2023