O foro resonancias 23 bota a andar en Tui centrado no emprego de madeiras galegas na construción artesanal de instrumentos musicais

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá nunha das mesas redondas desta terceira edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais, impulsado pola Xunta no marco do XVII Festival Música no Claustro

Tui (Pontevedra), 2 de agosto de 2023

A terceira edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias 23, impulsado pola Xunta, regresa hoxe e mañá como parte da programación do XVII Festival Música no Claustro de Tui. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou a media mañá nunha mesa redonda sobre emprendemento e desenvolvemento de novas oportunidades de negocio na cadea de valor entre as plantacións forestais e o sector profesional artesanal para activar o emprego de madeiras locais na artesanía, con especial atención á construción dos instrumentos musicais.

A programación de Resonancias 23, foro comisariado polo músico e investigador Samuel Diz, está marcada pola recente declaración do toque manual das campás como manifestación do patrimonio cultural inmaterial da Unesco. Deste xeito, en colaboración da Asociación Campaneiros de Galicia, a organización inclúe unha intervención sonora previa aos concertos facendo vibrar o bronce das campás catedralicias.

As xornadas, cuxa programación completa se pode consultar aquí, inclúe diferentes charlas de especialistas e presentacións. Mañá xoves, 3 de agosto, os participantes achegaranse ás 10:30 horas ata Montes de Couso, en Gondomar, para ver un modelo de xestión do patrimonio natural e cultural, con Xosé Antón Arauxo e Francisco Pedras. Ás 12:30 horas trasladaranse ata Espacio Hylica, en Baiona, un proxecto de divulgación das técnicas antigas da artesanía fundado polos profesionais de Artesanía de Galicia Natalia Moreno e Régis Floury.

E ás 16:30 h, as visitas rematan en Arcos da Condesa (Caldas de Reis), no obradoiro artesanal Campás Ocampo, que conta con 400 anos de traxectoria, a cargo do artesán José Enrique Lopez Ocampo. A xornada remata de novo cunha intervención sonora de toque manual de campás, da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, ás 20:30h, e cun concerto de músicas do mundo, Ballaké Sissoko, kora (Mali), a partir das 21:00 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2023