A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantiveron un encontro de traballo co xerente da Área Sanitaria, Félix Rubial, para abordar esta actuación, que garantirá unha maior accesibilidade e mobilidade cara ao hospital

Ethel Vázquez avanza a licitación da redacción do proxecto do novo acceso ao hospital de Ourense desde a N-525 que suporá un investimento estimado de 5 M€

Vázquez Mourelle explica que a nova vía terá 640 metros de lonxitude e conectará a N-525 coa avenida do Regato, facilitando un acceso directo que evitará un rodeo e permitirá achegar o hospital ao conxunto da área sanitaria

Salienta que o viario, previsto no planeamento urbanístico, ten resoltos os enlaces nos seus extremos e tamén o paso sobre o río Barbaña, que está xa executado

Detalla que disporá de 2 calzadas, cada unha con 2 carrís de circulación: nun primeiro treito, de 330 metros, a actuación consistirá na duplicación da avenida do Regato; nun segundo treito, de 310 metros, será de nova execución ata conectar coa N-525

Subliña que este mesmo ano se iniciará a redacción do proxecto de trazado co obxectivo de telo ultimado para sometelo a información pública a mediados de 2024

Indica que a redacción do proxecto deste novo acceso ao hospital se realiza no marco dun contrato de servizo que a Xunta licitará este xoves cun investimento global de 4 M€, dividido en 4 lotes, un por provincia

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 7 de setembro

Ourense, 2 de agosto de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación da redacción do proxecto do novo acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense desde a N-525 que suporá un investimento estimado de 5 M€.

Ethel Vázquez e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantiveron esta mañá un encontro de traballo co xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, para abordar esta actuación, agardada e necesaria, que garantirá unha maior accesibilidade e mobilidade cara ao hospital. Na xuntanza tamén participaron a directora e o subdirector de Recursos Económicos da Área Sanitaria e un representante da Deputación Provincial.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que a nova vía terá 640 metros de lonxitude e conectará a N-525 coa avenida do Regato, un viario local executado parcialmente, facilitando un acceso directo cara ao hospital que evitará un rodeo e permitirá achegar o centro hospitalario ao conxunto da área sanitaria.

Salientou que a nova vía, prevista xa no planeamento urbanístico, ten resoltos os enlaces nos seus extremos, tanto na N-525 como no final da avenida do Regato na avenida de Zamora, ao igual que o paso sobre o río Barbaña, que está executado.

O novo acceso disporá de 2 calzadas, cada unha con 2 carrís de circulación, separadas por mediana axardinada. Nun primeiro treito, de 330 metros, a actuación consistirá na duplicación da avenida do Regato; e nun segundo treito, de 310 metros, será de nova execución ata conectar coa N-525.

Ethel Vázquez indicou que, considerando outras actuacións similares realizadas pola Xunta nos últimos anos, se estima que esta actuación suporá un investimento estimado en torno aos 5 M€, sumando a execución das obras, as expropiacións e a reposición dos servizos afectados.

Lembrou que para poder facer realidade esta conexión máis directa co hospital desde a N-525 cómpre avanzar nos trámites administrativos necesarios, comezando polo inicio da redacción, este mesmo ano, do proxecto de trazado co obxectivo de telo ultimado para sometelo a información pública a mediados de 2024.

 Contrato que se licitará mañá

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade referiu que a redacción do proxecto deste novo acceso ao hospital se vai realizar no marco dun contrato de servizo que a Xunta licitará este mesmo xoves, día 3 de agosto, cun investimento global de 4 millóns de euros.

O contrato está dividido en catro lotes, un por provincia. No caso concreto de Ourense recolle un investimento de 724.000 € para a redacción de proxectos en materia de estradas nesta provincia.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas a algún dos 4 lotes que inclúe o contrato ata o vindeiro 7 de setembro.

Segundo detallou Ethel Vázquez, a previsión é adxudicar o contrato en outubro, asinalo en novembro e a partir de aí comezar xa coa redacción dos proxectos das distintas actuacións, sendo un dos primeiros traballos que se abordarán o do proxecto de trazado do novo acceso ao hospital de Ourense.

O contrato que se licitará mañá ten como obxectivo prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización das actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas. Inclúe a redacción de proxectos de trazado e construtivos e de proxectos máis sinxelos, como os de mellora do firme das estradas, de incremento da seguridade viaria ou de execución de itinerarios peonís e ciclistas; pero tamén de proxectos máis complexos que levan aparelladas estruturas, proxectos de urbanización e humanización de travesías en treitos urbanos das estradas da Xunta ou incluso para infraestruturas de novo trazado.

O contrato abrangue, polo tanto, desde a redacción de proxectos sinxelos, que non teñen complexidade técnica nin precisan expropiacións, ata outros de maior envergadura, que xa requiren da redacción de proxecto de trazado, información pública ou trámite ambiental.

Ethel Vázquez incidiu en que este contrato de servizos permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarias para os próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación, sen prexuízo de que para proxectos grandes se liciten contratos de redacción independentes, como o caso da autovía Nadela-Sarria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2023