O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro

A Xunta e o concello de Lalín levarán a cabo obras de mellora na escola infantil pública autonómica das Pontiñas

Destinaranse 50.000 euros na montaxe dunha nova cuberta principal e na prolongación da cuberta do patio ata chegar a cubrir a entrada principal ao inmoble

Lalín (Pontevedra), 2 de agosto de 2023

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola infantil das Pontiñas para anunciar a próxima realización de obras de mellora neste centro, que pertence á rede pública autonómica. A Xunta financiará con preto de 50.000 euros diferentes actuacións que afectarán principalmente ás cubertas do inmoble.

O xerente estivo acompañado nesta visita da tenente alcalde do Concello de Lalín, Paz Pérez, e da concelleira de Política Social, Carmen Canda. Os traballos, que se acometerán durante o mes de agosto aproveitando que o centro non ten actividade por vacacións, consistirán na montaxe dunha nova cuberta principal e na prolongación da cuberta do patio ata chegar a cubrir a entrada principal á escola. Tamén se instalarán novas baixantes exteriores para evitar posibles filtracións de auga ao interior do edificio e se repararán humidades interiores.

A execución das obras correrá a cargo do Concello, mentres que o Consorcio asumirá o seu financiamento mediante a compensación do importe das liquidacións que ten que pagar a Administración local por este servizo.

A escola infantil das Pontiñas iniciará o vindeiro curso 2023-2024 con 65 nenos matriculados e o outro centro que ten o Consorcio neste municipio, o que está situado no polígono, retomará a súa actividade en setembro con outros 53 nenos. As familias seguirán sen pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que a Xunta mantén a gratuidade en todas as escolas de 0 a 3 anos da Comunidade Autónoma e para o 100% do alumnado.

Actuacións nas escolas infantís

O Executivo autonómico xa financiou en anos anteriores melloras en ambas escolas infantís públicas autonómicas emprazadas na localidade. No 2019, ampliouse o centro das Pontiñas ao pasar de catro a cinco unidades; e no 2020 levouse a cabo a reforma integral da cociña, o que permitiu incrementar a súa superficie e o número de prazas de comedor; así como habilitar un novo espazo para almacén e renovar o equipamento deste servizo. Estas dúas actuacións tiveron un custe de 88.000€.

Con respecto á escola do Polígono Lalín 2000, no curso 2021-22, financiáronse melloras por un montante de 36.000€. Estes traballos afectaron a elementos internos e externos do inmoble, como a porta de acceso, ventás e cerres infantís. Tamén incluíron a soleira de formigón ou a pavimentación dunha rampla de acceso con caucho, entre outras intervencións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2023