A Xunta activa servizos de autobús especiais para a Festa do Albariño, en Cambados, as festas de Lorbé, en Oleiros, e para o festival Rock in Cambre

Nas madrugadas do 5 e do 6 de agosto activaranse dous servizos desde Cambados cara a Pontevedra que sairán ás 07,00 e ás 08,35 horas

Para as festas de Lorbé, nas madrugadas do 4 e do 5 de agosto activarase un servizo con saída ás 03,30 horas de Lorbé que contará con ata 37 paradas en distintos puntos de Oleiros e da Coruña

Os asistentes ao festival Rock in Cambre disporán dun servizo de volta á Coruña ás 03,00 horas e outro ás 04,00 horas na madrugada do 6 de agosto, con paradas en Cambre, Culleredo e A Coruña

O obxectivo da Xunta é facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución nocturna despois das xornadas de lecer

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2023

A Xunta activará servizos de autobús especiais os vindeiros 5 e o 6 de agosto para a Festa do Albariño de Cambados, e entre o 4 e o 6 de agosto para as festas de Lorbé, no concello de Oleiros, e o festival Rock in Cambre.

 

Nas madrugadas do sábado, día 5, e do domingo, día 6, habilitaranse dous servizos para o regreso desde Cambados cara a Pontevedra que sairán ás 07,00 e ás 08,35 horas. Estes servizos realizarán un traxecto directo, sen paradas intermedias entre as dúas localidades.

 

Durante as festas de Lorbé, nas madrugadas dos días 4 e 5 de agosto, habilitarase un servizo con saída ás 03,30 horas desde a parada Couto Lorbé.

 

A liña ofrecerá ata 37 paradas, 28 delas en distintos puntos de Oleiros (como Dexo, Mera, Santa Cruz, Bastiagueiro ou Perillo), e realizará outras 9 paradas na Coruña, pasando polo CHUAC e Os Castros ata Entrexardíns.

 

Na madrugada do domingo 6 de agosto, con motivo do festival Rock in Cambre, os asistentes ao evento disporán de dous servizos con saída de Cambre ata Entrexardíns ás 03,00 horas e ás 04,00 horas. Estas expedicións realizarán ata 22 paradas en Cambre, Culleredo e A Coruña.

 

A Xunta, coa posta en marcha destes servizos especiais, quere facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución nocturna despois de xornadas de lecer, se diminúa o tráfico e con iso o impacto ambiental.

 
 

Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que fan en todos os autobuses da Xunta. Os demais usuarios do transporte público da Xunta poderán beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.

 

A información dos horarios dos servizos e as súas paradas poderán ser consultadas na web www.bus.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2023