Un total de 153 establecementos turísticos galegos benefícianse da orde de axudas para actuacións de mellora nos establecementos de aloxamento e restauración galegos que este ano se incrementan nun 75%

 A convocatoria anual permite seguir mellorando as instalacións e infraestruturas de establecementos hoteleiros e de restauración para unha oferta turística de calidade

Máis dun cento de establecementos hoteleiros e preto de medio cento de restaurantes obtiveron estas axudas que lles están permitindo acometer traballos de por importe de ata 100.000€

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá o establecemento hoteleiro 25 de Julio, na capital galega, como exemplo dos traballos de rehabilitación para seguir mellorando no servizo ao visitante
 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023 Melloras de accesibilidade, reforma das instalacións eléctricas, sanitarias e de illamento así como actuacións de renovación na seguridade, na modernización e na dixitalización dos servizos son algunhas das actuacións que Turismo de Galicia está a subvencionar a través da súa liña de axudas orientada a establecementos hoteleiros e de restauración. Este ano, o orzamento desta liña de axudas incrementouse nun 75% respecto do ano pasado, o que permitiu que un total de 153 establecementos galegos se poidan beneficiar destas axudas.

 

“O obxectivo principal destas axudas é incentivar a mellora das instalacións e infraestruturas destes establecementos co fin de consolidar unha oferta turística de calidade, xa que o sector turístico ten un gran valor estratéxico na economía galega”, explicou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a visita que esta mañá fixo a un dos establecementos beneficiarios desta axuda, o hotel-pensión 25 de Julio, en Santiago de Compostela.

 

Este establecemento beneficiouse este ano dunha axuda de algo máis de 40.000€ que lle permitirá acometer traballos de rehabilitación das habitacións, modernizando as instalacións e adaptando baños e mobiliario, ás novas necesidades dos viaxeiros.

 
Establecementos beneficiarios
 

Ao abeiro desta axuda levaranse adiante proxectos en 109 establecementos hoteleiros (campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos) por importe de algo máis de 2,6M€ mentres que no ámbito dos establecementos de restauración aprobáronse un total de 44 solicitudes por importe de case 780.000€.

 

Os proxectos acadaron unha subvención de ata o 50% e o importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 50.000 euros, puidendo executarse obras por importe de ata 100.000€, que deberá estar executada e xustificado neste ano.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2023