Trenor supervisa as obras de mellora do Castro da Croela en Trazo

O delegado da Xunta visitou as actuacións que se están levando a cabo de control arqueolóxico, limpeza, documentación, sinalización e creación dunha unidade didáctica

Trazo  (A Coruña), 01 de agosto de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, visitou o castro da Croela ubicado neste municipio. O representante do Goberno autonómico supervisou os traballos de control arqueolóxico, limpeza, documentación, sinalización e creación dunha unidade didáctica que se están levando a cabo na zona grazas a un investimento por parte do Goberno galego de máis de 8.600 euros.

 

A actuación, que se iniciou estes días, consiste na limpeza, retirada de vexetación e de árbores mortas e clareo da superficie do recinto principal, parapetos e fosos do xacemento arqueolóxico. Ademais, levarase a cabo o levantamento topográfico, mediante fotogrametría de alta precisión do xacemento arqueolóxico en toda a súa extensión; a realización dun vídeo e fotografías aérea con tomas xerais do xacemento arqueolóxico e de detalle dos seus elementos máis significativos (croa, parapetos, fosos...).

 

O xacemento arqueolóxico Castro da Croela é un poboado fortificado da Idade Ferro localizado nun meandro do río Lengüelle, na parroquia de Santa María de Castelo. Consta dun recinto principal, ou croa, de planta case que circular cun diámetro aproximado de 120 m. Este recinto está delimitado por un parapeto de 7-8 m de altura e un foxo

 

O proxecto tamén contempla accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas...) e sobre os valores propios do sitio, a elaboración dos contidos divulgativos (texto, fotografía, gráficos e videos) para unha unidade didáctica, o deseño e colocación dun panel interpretativo do xacemento arqueolóxico, a elaboración dun protocolo para a limpeza do xacemento arqueolóxico e a realización dunha memoria técnica da intervención no que se recollan os traballos realizados e os seus resultados, a presentar ao remate dos traballos de campo

 

O Castro da Croela está incluído no Catálogo do PXOM de Trazo (2017) e o seu contorno de protección. En base ao establecido no artigo 30 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16.05.2016) estes bens intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2023