A delegada territorial informou desta convocatoria durante unha visita ao centro de rehabilitación neurolóxica, Neuraxis, beneficiario da convocatoria do ano pasado

Martina Aneiros lembra que ata o 29 de setembro poden solicitarse as axudas para emprendemento no traballo autónomo, nas pemes e na economía social

“A través desta convocatoria de axudas o Goberno galego concedeu o ano pasado 17 achegas no municipio de Ferrol por un valor de preto de 183.000 euros”, sinala a representante autonómica

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade axudará a financiar investimento realizados, no marco das novas iniciativas empresariais, en equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou mobiliario, entre outros

Ferrol, 1 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia ten aberto ata o próximo 29 de setembro o prazo para solicitar as axudas de ata 30.000 euros para emprendemento no traballo autónomo, nas pemes e na economía social. Así o lembrou esta mañá a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita realizada ao centro de rehabilitación neurolóxica e desenvolvemento infantil, Neuraxis, beneficiaria da pasada convocatoria.

Acompañada da responsable do centro, Ana Novo, Aneiros coñeceu de primeira man o funcionamento dun equipamento adquirido grazas á subvención da Xunta e que permite suspender parte do peso corporal do usuario coa axuda dun arnés co que contribúe á seguridade durante o proceso de rehabilitación en doentes con problemas de mobilidade.

“A través desta convocatoria de axudas o Goberno galego concedeu o pasado ano 17 achegas no municipio de Ferrol por un valor de preto de 183.000 euros, o que reflicte o seu compromiso de seguir impulsando iniciativas de emprendemento para que os autónomos e pequenas empresas como esta incrementen a súa actividade e contribúan ao mantemento de empregos de calidade”, indicou a delegada territorial.

Nova convocatoria

Aneiros explicou que a través da nova orde de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dotada este ano dun orzamento de 7M€, o Goberno galego financiará investimentos realizados polas entidades entre o 5 de novembro de 2022 ata a data de solicitude. Serán subvencionables as adquisicións de equipamento informático, equipos de segunda man ou mobiliario e tamén as melloras da eficiencia enerxética ou de reforma e/ou habilitación de locais, entre outros gastos.

A intensidade das axudas variará en función do investimento realizado, desde os 3.000 euros para o investimento mínimo a financiar (5.000 euros) ata os 30.000 para o máximo (100.000 euros).

Poderán beneficiarse desta convocatoria as pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que teñan iniciado a súa actividades desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo. Os beneficiarios deberán ter formalizada a súa actividade no correspondente rexistro.

No marco das políticas de apoio ao emprendemento da Xunta de Galicia, a delegada territorial puxo en valor o polo Rías Altas e Arco Ártabro, un dos oito que actualmente conforman a rede autonómica e que leva asesorado 114 proxectos (promovidos por 123 persoas) desde que se puxo en marcha o pasado ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2023