A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o conselleiro do Mar presentaron este novo documento no porto de Combarro

A Xunta aposta pola integración paisaxística dos 122 portos da súa titularidade coa publicación dunha guía de boas prácticas

Ángeles Vázquez salienta que o novo documento ten en conta, de xeito especial, a significativa influencia dos espazos portuarios tanto na evolución das localidades costeiras como na conformación da paisaxe das fachadas marítimas

Alfonso Villares fixo fincapé na humanización dos peiraos como un avance máis na estratexia que persegue un litoral galego máis sostible e competitivo
 

Poio (Pontevedra), 1 de agosto de 2023 A Xunta aposta pola integración paisaxística dos 122 portos da súa titularidade coa publicación dunha guía de boas prácticas, que hoxe foi presentada pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, no porto de Combarro, en Poio.

Segundo lembrou Ángeles Vázquez, a Guía de boas prácticas para a integración paisaxística dos portos de Galicia forma parte da Colección Paisaxe Galega, que consta xa de 17 publicacións, que teñen como obxectivo ofrecer unha ferramenta de divulgación dos valores paisaxísticos da Comunidade así como contribuír a acadar unha correcta integración de diversos tipos de actuacións coa contorna. 

Nesa liña, a vicepresidenta segunda incidiu en que este documento pretender axudar a facilitar unha mellor integración dos espazos portuarios nas paisaxes do noso litoral, tendo en conta, de xeito especial, a súa significativa influencia tanto na evolución das localidades costeiras como na conformación da paisaxe das fachadas marítimas. 

Máis polo miúdo, detallou que a guía diferencia 4 tipoloxías: peiraos e ramplas; pequenos portos; portos mixtos e portos especializados. A partir de aí, recolle un conxunto de criterios base para a súa integración paisaxística, como a adaptación ao seu emprazamento e á súa contorna; a integración dos accesos; a delimitación dos espazos segundo o seu uso, artellamento e continuidade, ou a mellora dos servizos, edificios e instalacións. A maiores, tamén aposta polo emprego de solucións construtivas e materiais de baixo mantemento e alta funcionalidade e durabilidade. 

A guía inclúe tamén un catálogo de boas prácticas a través de 5 exemplos reais. Os portos de Caión, Vilanova de Arousa, Malpica, Porto do Son e Corme poden servir como referencia para actuacións futuras. 

A maiores, a vicepresidenta segunda puxo en valor que a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, que entrará en vigor, mañá, mércores, 2 de agosto, reforza a aposta pola interacción porto-cidade cunha dobre finalidade: a integración do ámbito portuario na vila e o impulso da participación da cidadanía no seu desenvolvemento. 

Pola súa banda o conselleiro do Mar destacou que a guía presentada en Combarro vai a permitir adecuar e protexer as 122 dársenas de xestión autonómica. O obxectivo é que sexan máis atractivas e seguras tanto para os usuarios e veciños como para os visitantes. De aí a necesidade de que as instalacións portuarias sexan prácticas e funcionais e que ao mesmo tempo contribúan a respectar a excepcional paisaxe que as rodea, integrándose plenamente coas vilas. 

Alfonso Villares tamén puxo en valor as actuacións para a humanización dos portos xa realizadas nos de Palmeira, Porto do Son, Fisterra e, no futuro, no de Portonovo. Trátase dunha proba máis, sinalou, da aposta da Xunta polo equilibrio entre a conservación do medio ambiente xunto co respecto á paisaxe e o desenvolvemento de actividades estratéxicas en territorio marítimo. 

En canto á Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, o titular de Mar considera que se dá o paso definitivo para superar as eivas da restritiva normativa estatal. Grazas á norma galega, manifestou, apórtanse garantías á sustentabilidade e competitividade do sector do mar-industria da comunidade, que sustenta 40.000 empregos directos e xera arredor do 5 % do PIB galego.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2023