Ethel Vázquez destaca o investimento de 726.000 euros da xunta na senda na estrada AC-301 en Rois, que lles facilita aos veciños desprazamentos cómodos e seguros

A senda, que comeza na contorna das naves do polígono industrial de Padrón, conecta coas beirarrúas existentes no núcleo de Rois, ao longo dun treito da estrada que rexistra un elevado tránsito a pé

O itinerario dispón dun ancho constante de 2 metros ao longo de todo o percorrido, o que garante a accesibilidade, e está realizado en formigón reforzado en cor terriza

Vázquez Mourelle detalla que se aproveitou a intervención para mellorar o trazado da estrada nunha curva, gañando espazo para a senda, e para modificar unha intersección cun viario local, garantindo maior seguridade ao dotala de carrís de aceleración e deceleración

Destaca que grazas a esta actuación da Xunta os veciños dispoñen xa dunha estrada máis segura e máis humana

Avanza que no outono se iniciarán as obras de mellora da seguridade e da accesibilidade de 7 paradas de autobús no municipio de Rois, no marco dun contrato maior por importe de 1,8 M€ co que se vai actuar en 63 paradas de seis concellos da contorna

Lembra que a Xunta está a impulsar a mellora do saneamento do municipio, coa execución da nova depuradora de Urdilde, cuxas obras están adxudicadas e se iniciarán en setembro

Rois (A Coruña), 1 de agosto de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 726.000 euros da Xunta na execución dunha senda na estrada AC-301 no concello de Rois, que lles facilita aos veciños realizar desprazamentos a pé máis cómodos e seguros.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da localidade, Ramón Tojo, supervisou o resultado dos traballos do novo itinerario que se veñen de rematar.

Tal e como detallou a conselleira, a senda, de 750 metros, comeza na contorna das naves do polígono industrial de Padrón, discorre ao longo de 200 metros pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continúa pola marxe dereita da AC-301 ao longo de algo máis de 500 metros ata conectar coas beirarrúas existentes no núcleo de Rois, na parroquia de Santa María de Oín.

No cruzamento entre estas dúas estradas, que se materializa nunha glorieta, a senda discorre polo bordo oeste, aproveitando a berma existente no muro do estribo do viaduto do ferrocarril da liña do Eixe Atlántico de alta velocidade.

O itinerario dispón dun acho constante de 2 metros ao longo de todo o percorrido, o que garante a accesibilidade, e está realizado en formigón reforzado en cor terriza.

Ethel Vázquez incidiu en que este treito de estrada, pola proximidade do núcleo poboacional ao polígono industrial, rexistra un elevado tránsito a pé, o que motivou que a Xunta impulsase a execución deste itinerario peonil para favorecer os desprazamentos cotiáns e unha mobilidade máis segura, sustentable e saudable. Deste xeito, grazas a esta actuación da Xunta, os veciños de Rois dispoñen xa dunha estrada máis segura e máis humana, subliñou.

As obras da senda levaron aparelladas actuacións complementarias destinadas a incrementar a seguridade viaria no ámbito no que se actuou. Por unha banda, mellorouse o trazado da estrada AC-301 na contorna do punto quilométrico 2+450, rectificando unha curva, o que permitiu ter o espazo necesario para garantir os 2 metros constantes de ancho dos que dispón a senda. Tras terse modificado o trazado da curva, repúxose un camiño de servizo e mellorouse a rasante da vía, para garantir unha maior visibilidade.

Ademais actuouse sobre a intersección cun viario local existente na marxe dereita, á altura do quilómetro 2+520, reconstruíndoa en forma de semiglorieta e dotándoa de carrís de aceleración e de deceleración.

Os traballos completáronse co repintado das marcas viarias, a reposición da barreira de seguridade, a renovación da sinalización e da iluminación, coa disposición de novos báculos e luminarias led, e co soterramento do tendido das redes de telecomunicacións e electricidade.

A actuación foi financiada pola UE no parco do eixe REACT-EU do programa operativo Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Na súa intervención Ethel Vázquez explicou que a experiencia da Xunta, que leva executados máis de 250 quilómetros de sendas peonís e ciclistas en toda Galicia, acredita que itinerarios coma este de Rois melloran a calidade de vida dos veciños, porque lles facilitan o día a día, ao tempo que contribúen a unha mobilidade máis respectuosa co medio.

Enmarcou este tipo de iniciativas na aposta do Goberno galego por unha mobilidade segura, verde e intelixente, ao igual que a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade das paradas de autobús que está a promover a Xunta nas estradas autonómicas. A este respecto, avanzou que no outono se van iniciar as obras de mellora de 63 paradas de autobús en 6 concellos da contorna ás que se destinará un investimento autonómico de 1,8 millóns de euros; entre elas, actuarase en 7 paradas no municipio de Rois.

Tamén se referiu a outro investimento importante para a mellora do saneamento do municipio: os máis de 900.000 euros que a Xunta destinará á nova depuradora de Urdilde, cuxas obras están xa adxudicadas e que se prevén iniciar, dixo, ao longo do mes de setembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2023