A Xunta inicia a mellora da varanda do paso de ferrocarril na OU-622, no Barco de Valdeorras, que completa a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na avenida do Bierzo

As actuacións consisten na colocación dun pasamáns e novos pilares, así como na instalación dunha nova varanda similar á existente en varios puntos

Esta intervención dá cumprimento ao acordado co Concello, tras asumir a Xunta a execución do acondicionamento do treito urbano de algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude da OU-622, incluíndo as obras de paso viarias sobre o ferrocarril e o río Cigüeño

O investimento global da Xunta no conxunto dos traballos no treito urbano da OU-622 elevouse ata os 835.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publicou a pasada semana o decreto polo que o Concello asume a titularidade da avenida do Bierzo e, con ela, a responsabilidade do seu mantemento

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2023

A Consellería de Infraestrutura e Mobilidade iniciou este luns as obras da mellora da varanda do paso sobre o ferrocarril na estrada autonómica OU-622, ao paso polo concello do Barco de Valdeorras.

Son traballos cos que se adaptará a varanda actual, mediante a colocación dun pasamáns a unha altura superior ao actual paso, e se reforzará coa colocación de novos pilares.

Ademais, no marco desta intervención, procederase á colocación dunha nova varanda, similar á existente, en varios puntos seguindo a normativa actual. As obras suporán un investimento autonómico de 48.000 euros.

Con esta intervención, a Xunta completa a mellora da seguridade viaria e de accesibilidade executadas neste treito inicial da vía autonómica, coincidente coa avenida do Bierzo.

Con estas obras dáse cumprimento ao acordado co Concello, tras desenvolver a Xunta as actuación de humanización deste treito da OU-622, entre os puntos quilométricos 0 e o 0+655, o tramo da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana a travesía e máis accesible a súa contorna.

No marco co acordo coa entidade local, e logo de rematar estas obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade, o departamento de Infraestruturas da Xunta tramitou o cambio de titularidade a prol do Concello dos algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude da vía, comprendido entre a avenida Manuel Quiroga e o entronque coa rúa San Francisco Blanco, xunto co seu dominio público.

Neste cambio de titularidade inclúense tamén as obras de paso viarias existentes sobre o ferrocarril e sobre o río Cigüeño, excluíndose a superficie dos cruces a distinto nivel situada baixo elas.

A transferencia da avenida do Bierzo a prol do Concello do Barco de Valdeorras é efectiva desde o pasado venres, tras publicarse no Diario Oficial de Galicia o decreto de cambio de titularidade. É dicir, o Concello do Barco de Valdeorras ten xa a competencia para actuar en toda a avenida do Bierzo e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O investimento final da Xunta na execución destas obras no treito urbano obxecto do cambio de titularidade, foi de máis de 715.000 euros, ao que houbo que engadir unha revisión extraordinaria de prezos polo incremento derivado dos custos dos materiais durante a súa execución, así como a actuación adicional que se vén de iniciar na varanda. Isto eleva o investimento autonómico a un total de 835.000 €.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2023