Os mozos e mozas do programa Conecta co Camiño de Emigración rematan a súa andaina ante a Catedral de Santiago de Compostela

Este programa permitiu que 50 galegos do exterior de entre 18 e 20 anos procedentes de Arxentina, Venezuela, Cuba, Uruguai e Brasil, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado realizaran o Camiño Portugués pola Costa e coñeceran aspectos da historia xacobea e do patrimonio cultural galego

Pontevedra, 30 de xullo de 2023

O medio centenar de mozos e mozas participantes no programa Conecta co Camiño chegaron hoxe a Santiago de Compostela para rematar, ante a Catedral, o Camiño Portugués pola Costa que estiveron a realizar durante os últimos días.  Estes galegos do exterior, de entre 18 e 20 anos, proceden de diversos países con gran presenza da colectividade galega como Arxentina, Venezuela, Cuba, Uruguai e Brasil.

Esta iniciativa, realizada en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, coñecendo a realidade da Galicia actual e moderna, actuando de altofalantes da mesma nos países onde residen, e que coñecéndoa poidan decidir retornar a Galicia.

Ao longo da mañá de hoxe, os participantes no Conecta co Camiño realizaron o último tramo ata Compostela, e tras participar na misa do Peregrino, puideron desfrutar dun almorzo de despedida e confraternidade en San Martín Pinario.

Os beneficiados aloxáronse, ao longo desta estadía, na residencia xuvenil Altamar de Vigo, e durante toda esta semana levaron a cabo un percorrido polos oito tramos galegos a pé do Camiño de Santiago Portugués pola Costa ata Compostela. Tamén participaron en diversas actividades orientadas a coñecer aspectos da historia xacobea e o patrimonio cultural vencellado á zona da contorna.

Para moitos deles e delas supuxo a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2023