Chegan a Galicia os mozos e mozas do exterior que participan na segunda quenda do programa Conecta con Galicia de Emigración

Este programa, que se desenvolve en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, se desenvolve no albergue de Gandarío ata o próximo 11 de agosto e ten como obxectivo facilitar á mocidade galega do exterior o contacto coa realidade da Galicia actual

A trintena de rapaces que participaron na primeira quenda desta iniciativa remataron onte a súa estancia tras visitar, nos últimos días, diversas empresas galegas e lugares de interese turístico das catro provincias
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2023

Responsables da Secretaría Xeral da Emigración recibiron esta mañá no aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro aos participantes na segunda quenda do programa Conecta con Galicia, que nesta ocasión, proceden de Arxentina, Brasil, Suíza e Venezuela.

Este programa, realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, permite que persoas nadas en Galicia ou descendentes de emigrantes galegos de 16 e 17 anos volvan a ter contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares, supoñendo para moitos deles a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Como xa ocorreu coa primeira treintena de participantes que remataron onte a súa estadía en Galicia, os rapaces que hoxe chegaron ao aeroporto de Santiago, trasladaranse ata o albergue xuvenil de Gandarío onde desenvolverán diferentes actividades lúdicas e deportivas ata o 11 de agosto.  Tamén, como xa fixeron os mozos da quenda anterior, participarán en visitas culturais e tamén poderán coñecer empresas punteiras situadas en diversos lugares de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2023