A conselleira de Política Social e Xuventude, acompañada do delegado da Xunta, Alejandro López, visitou o Centro Galego de Avellaneda

Fabiola García participa nun encontro con mulleres distinguidas co galardón A barca de Sálvora en Bos Aires

Posteriormente, asinou un protocolo de colaboración coa residencia de maiores Fogar Galego para Anciáns de Domselaar por valor de 20.000 euros

Bos Aires (A Arxentina), 30 de xullo de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro, mantivo un encontro con mulleres distinguidas co galardón ‘A Barca de Sálvora’, outorgado cada ano polo Centro Galego de Avellaneda, en Bos Aires, a mulleres destacadas desta colectividade. A conselleira trasladoulles a súa admiración como ribeirense por seguir dando a coñecer a historia e os valores da súa terra aos galegos na diáspora.

A distinción ‘A Barca de Sálvora’ recoñece desde o ano 2019 a solidariedade, o valor e a empatía de tres mulleres destacadas da colectividade con motivo do Día Internacional da Muller. Emprégase a historia das Heroínas de Sálvora —Josefina, Cipriana e María— que no ano 1921 lograron rescatar a numerosos náufragos tras o afundimento do barco Santa Isabel que navegaba preto das costas de Ribeira.

A conselleira visitou as instalacións do Centro Galego de Avellaneda e, posteriormente, achegouse ao Fogar para os Anciáns Galegos de Domselaar. Durante este encontro, asinou un protocolo de colaboración coa entidade, por valor de 20.000 euros, para o funcionamento da súa residencia de maiores. Un centro que iniciou a súa actividade no ano 1943 e que permite ofrecer coidado e atención a galegos na diáspora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2023