O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o Espazo de preservación familiar e o centro de protección Chavea en Vilagarcía

A Xunta sinala que a prevención é a fase fundamental para a protección da infancia

O Espazo de preservación familiar comezou a funcionar o pasado ano ofrecendo apoio familiar en casos de desprotección leve para evitar que os nenos entren no sistema de protección

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 28 de xullo de 2023

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá o Espazo de preservación familiar de Vilagarcía de Arousa onde sinalou que a prevención é a fase fundamental para lograr unha correcta protección da infancia. Este centro foi posto en marcha o pasado ano de xeito piloto para detectar os primeiros síntomas de desprotección infantil e actuar en situacións de risco leve para prestar apoio integral e evitar que os nenos entren no sistema de protección.

O director xeral apuntou que, logo dun ano desde a súa posta en marcha, este espazo e o creado na comarca do Barbanza teñen demostrado a súa valía para previr e propoñer solucións aos menores que se atopan nun posible caso de desprotección. Jacobo Rey lembrou que, mediante este servizo, préstase ás familias atención temperá, apoio socioeducativo, intervención psicosocial e terapéutica, educación familiar e orientación para a inserción laboral dos proxenitores.

Centro de protección Chavea

A continuación, o director xeral visitou o centro de protección de nenos e adolescentes Chavea, tamén en Vilagarcía de Arousa. Durante este encontro puxo en valor a calidade da atención destas instalacións que permiten actuar naquelas situacións nas a Administración autonómica asume a tutela ou a garda dos menores.

Neste sentido, Jacobo Rey lembrou que é preciso reforzar os servizos de atención a menores para saber actuar ante calquera situación e protexer sempre o dereito dos nenos e adolescentes a unha infancia feliz. Así, neste centro, ademais de protección, préstanse servizos de atención terapéutica e apoio socioeducativo para garantir o seu correcto desenvolvemento.

Data de actualización: 28/07/2023