A Xunta iniciará en agosto as obras de mellora previstas na Cidade da Xustiza de Vigo

Así o acordaron o director xeral de Xustiza e o xuíz decano de Vigo nunha xuntanza mantida hoxe

O Goberno galego dálle así resposta ás necesidades detectadas tras a posta en funcionamento das novas instalacións xudiciais
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

A Xunta iniciará en agosto as obras de mellora na Cidade da Xustiza de Vigo, segundo acordaron hoxe nunha xuntanza o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o xuíz decano de Vigo, Germán Serrano. A maiores das actuacións previstas, decidiuse habilitar un despacho no xulgado de garda para o Colexio de Avogados para que estes profesionais poidan entrevistarse de xeito reservado cos seus clientes antes da declaración.

Entre as melloras que se van acometer o vindeiro mes figuran accións relacionadas coa acústica das salas. Así, vaise proceder á instalación de estores e ao tapizado das cadeiras na sala de vistas do xurado para evitar a reverberación. Iniciarase tamén un estudo da acústica da sala de vistas do Xulgado de Instancia número tres.

Por outra banda, instalarase unha dobre porta para unha maior protección do vento e da chuvia, así como unha tarima no acceso para igualar o chan e estores nas ventás que non dispoñan deles. A maiores, vanse ampliar a sala de vistas das seccións da Audiencia Provincial e outra sala igual para a súa asignación aos xulgados do Penal, con habilitación de entrada para as persoas detidas polo corredor interior de seguridade.

Outras das melloras previstas son a habilitación de mesas de traballo para os profesionais dos medios de comunicación, a contratación do mobiliario da biblioteca, a instalación dun panel de sinalización na entrada e a recolocación da Policía Nacional e dun local de enlace cos xulgados na antiga sala de prensa. Xa no exterior, colocaranse bolardos e bancos na praza.

Con estas medidas, a Xunta quere darlle resposta ás necesidades que se foron detectando durante o traslado e posta en funcionamento das novas instalacións xudiciais. Cómpre lembrar que o Goberno galego se comprometeu desde que se tivo coñecemento de desaxustes na funcionalidade dos espazos a estudar e corrixir todas as cuestións susceptibles de mellora.

Data de actualización: 28/07/2023