A Xunta e as Confrarías de pescadores da Mariña lucense apostan pola coxestión para avanzar na defensa dos intereses do sector

Viveiro (Lugo), 29 de xullo de 2023 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuniuse hoxe co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, Basilio Otero, e cos patróns maiores das confrarías da provincia para avaliar a situación do sector marítimo-pesqueiro da zona e cuestións relacionadas coa súa actividade como as descargas das distintas especies, os resultados económicos do sector ou as normativas e actuacións promovidas nos últimos tempos pola Comisión Europea, entre elas o veto á pesca de fondo. O conselleiro trasladoulle aos responsables das confrarías de pescadores da Mariña a vontade de seguir traballando xuntos na busca de solucións aos problemas do día a día e de avanzar na coxestión e na cogobernanza dos distintos recursos mariños, co fin de defender o equilibrio entre a protección do medio ambiente e a defensa dos intereses dos profesionais do mar. Esta xuntanza enmárcase na rolda de contactos que mantén de xeito periódico a Consellería do Mar coas distintas confrarías de pescadores e asociacións do sector para estudar as necesidades de cada zona e buscar posibles solucións.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/07/2023