O Festival Iacobus maris experience abre o seu village no porto de Vigo co apoio da Xunta

A delegada da Xunta, Ana Ortiz, visitou este venres o buque escola “Atyla” e o visor submarino Nautilus que terán as súas portas abertas ata o domingo

Entre hoxe e o 30 de xullo haberá actividades para nenos e maiores, xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos e visitas guiadas aos barcos
 

Vigo, 28 de xullo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o village do festival Iacobus Maris Experience, que converterá a Vigo durante tres días, do 28 ao 30 de xullo, nunha grande festa marítima. A representante autonómica tamén realizou un percorrido polo buque escola “Atyla”, amarrado en Portocultura, acompañada do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana.

O festival, que conta co apoio da Xunta de Galicia, permitirá aos visitantes visitar a goleta “Atyla”, buque escola construído en España e inspirado nos barcos do século XVIII, un grande veleiro que navega por Europa ofrecendo viaxes cheas de aventura e aprendizaxes. Ofrecerá visitas gratuítas e excursións costeiras de tres horas de duración os días 28, 29 (de 17 a 20 horas) ou o día 30 (de 11 a 14 horas).

Visor Nautilus

Outro dos atractivos do evento serán as visitas ao visor submarino Nautilus, o observatorio baixo o mar onde pode observarse o avance do crecemento da flora e fauna mediante un proxecto ecolóxico no marco da estratexia bluegrowth. Unido a este valor ambiental, Ecoembes realizará o día 28, de 15 a 17 horas, un obradoiro de reciclaxe.

Tamén se poderá visitar o barco de vapor “Hidria Segundo”, único en toda España, e que ofrece desde un percorrido guiado polo barco ata talleres para grandes e pequenos onde a diversión está asegurada.

“Sons do Porto”

Outro aspecto importante será a música en directo con “Sons do Porto”, concertos con grupos locais e coñecidos Djs no peirao de Trasatlánticos. Serán o venres 28 e sábado 29 desde o anoitecer ata a medianoite, cun pano de fondo incomparable, a ría de Vigo. Tampouco faltará a comida no espazo gastronómico, desde o máis tradicional ata a nova cociña galega.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2023