A Xunta apoia a Navantia no avance cara ao estaleiro 4.0

O estaleiro ferrolán presentou esta mañá os resultados do proxecto ‘F4ST Desenvolvemento de tecnoloxías 4.0 para o estaleiro do futuro de Navantia’ apoiado con preto de 2,5M€ polo programa Fábrica Intelixente e Sustentable do Goberno galego e cofinanciado con fondos Feder

Grazas a este proxecto, Navantia desenvolveu e implantou tecnoloxías dixitais cara ao estaleiro do futuro, máis flexible e eficiente, para converterse nun referente tecnolóxico na fabricación de buques e estruturas offshore
 

Ferrol, 28 de xullo de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, asistiron esta mañá ao acto de presentación de resultados do proxecto F4ST Desenvolvemento de tecnoloxías 4.0 para o estaleiro do futuro de Navantia, desenvolvido por Navantia co apoio do programa Fábrica Intelixente e Sustentable da Xunta de Galicia. O proxecto, que contou cun orzamento cercano aos 10 millóns de euros, recibiu unha axuda pública de preto de 2,5 millóns de euros a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

A directora de Gain destacou que as tecnoloxías implementadas sitúan o estaleiro ferrolán como un referente tecnolóxico na fabricación avanzada de buques e estruturas offshore de alto valor engadido. De feito, permitiu desenvolver e validar tecnoloxías dixitais, sistemas, celas de fabricación e liñas de produción adaptadas ás necesidades dun novo modelo de Estaleiro Avanzado 4.0, capaz de fabricar de forma flexible e eficiente novos buques e estruturas offshore de alto valor engadido.

Argerey destacou a achega deste proxecto á modernización do sector da construción naval galega e á mellora da súa competitividade. Segundo fontes da propia empresa, o proxecto permitiu maximizar o grao de automatización de certas operacións a través de tecnoloxías avanzadas como a robótica, a visión artificial ou a sensórica cognitiva. A aplicación destas tecnoloxías redunda nun incremento da eficiencia, a produtividade, a sustentabilidade e a calidade dos produtos, reducindo os tempos mortos e conseguindo un maior control dos procesos de fabricación.

Ademais deste proxecto, a Xunta de Galicia apoia a transformación tecnolóxica do estaleiro ferrolán a través do programa Unidades Mixtas de Investigación (UMI). Navantia participou en catro desde 2015 (a UMI UDC-Navantia Estaleiro do futuro nas súas fases de creación, consolidación e centro mixto de investigación e a creación da UMI Aimen-Navantia Nautilus). En total, a Xunta de Galicia apoiou con máis de 6 millóns de euros, co cofinanciamento de fondos europeos, o desenvolvemento de tecnoloxías orientadas á automatización e robotización dos procesos de fabricación así como á construción das fragatas F-110.

Convocatoria 2023 de Fábrica Intelixente e Sustentable

A responsable da Axencia lembrou que está actualmente aberta -ata o 2 de outubro- a convocatoria 2023 do programa Fábrica Intelixente e Sustentable, que apoiou este proxecto. Esta convocatoria está dirixida a impulsar iniciativas empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego e que se centrarán no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes que serán fundamentais para acadar un modelo produtivo máis innovador.

Dotada con 24 millóns de euros prevé mobilizar 70 millóns para apoiar o desenvolvemento de proxectos ata 2026 que permitan seguir avanzando nun cambio de modelo sustentado na competitividade e no coñecemento incrementando a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial galega.

Entre as novidades desta edición atópanse o incremento nos custos indirectos do 10 ao 15% e inclúense novos custos subvencionables como o derivado do informe de valoración do cumprimento do principio de non causar dano significativo ao medio ambiente e da contratación dun plan de comunicación e difusión do proxecto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2023