A Xunta incrementa nun 64% a dotación do programa de axudas para a construción de vivendas en alugueiro

O programa, que pasa de 8,4 M€ a máis de 13,7 M€, está dirixido a fomentar a construción de vivendas en alugueiro por parte de promotores públicos e privados e financiase integramente con fondos da Unión Europea

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia incrementou en 5,3 millóns de euros a dotación do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que se financia integramente con fondos da Unión Europea.

 

A convocatoria destas axudas, que van dirixidas a financiar a construción de vivendas para alugueiro, foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 7 de febreiro pasado, cunha dotación total de 8,4 millóns de euros, dos que 4,2 millóns se destinaban a promotores públicos e a mesma contía a promotores privados.

 

Coa ampliación que onte publicou o Diario Oficial de Galicia, a dotación total do programa para os anos 2023, 2024, 2025 e 2026 pasará a ser de 13.775.000 euros, destinándose 6.887.500 euros a promotores públicos e a mesma contía a promotores privados.

 

O obxecto deste programa é o fomento e incremento do parque público de vivendas enerxeticamente eficientes destinadas ao alugueiro social ou a prezo accesible, mediante a promoción de vivendas de nova construción sobre terreos de titularidade pública ou rehabilitación de edificios non destinados actualmente a vivenda.

 

Poden beneficiarse destas axudas as administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público, así como empresas públicas e público-privadas.

 

A axuda pode chegar ata un máximo de 700 euros por metro cadrado de superficie útil de vivenda. A contía máxima non poderá superar os 50.000 euros por vivenda, sen que en ningún caso poida exceder do custe das actuacións subvencionables.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2023