A Policía Autonómica comisa 362 quilos de diversas especies mariñas e 470 nasas na Ría de Arousa

Os axentes, en coordinación co Servizo de Gardacostas de Galicia, realizaron un operativo contra o furtivismo na zona a finais do pasado xuño

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

Axentes da Policía Autonómica xunto co Servizo de Gardacostas de Galicia comisaron entre o 21 e o 30 de xuño 362 quilos de diversas especies mariñas e 470 nasas no marco dun operativo de loita contra o furtivismo no litoral da ría de Arousa. Foron 300 quilos de polbo, 40 de nécora, 20 de lumbrigante e dous de santiaguiños que se liberaron no momento da incautación.

O operativo activouse tras ter coñecemento de que varias embarcacións pesqueiras furtivas estaban a traballar de noite e sen luces na zona de San Vicente do Mar, no concello do Grove. As pescudas realizadas deron como resultado a localización de varias liñas de nasas sen identificar con diversas especies mariñas no seu interior.

Neste sentido, tanto o polbo como a nécora se atopaban nese momento en veda co obxectivo de favorecer a súa reprodución. Ademais, varias das capturas do cefalópodo incumprían o tamaño e o peso regulamentario establecidos na normativa vixente.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Data de actualización: 28/07/2023