A Xunta adxudica por preto de 510.000 euros as obras do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido no Concello de Vilagarcía de Arousa

Habilitarase un aparcadoiro de 59 prazas nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da N-640, no lugar de Coruxo
 

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 5 meses
 

O novo aparcadoiro disporá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación, que serán de sentido único
 

Polo perímetro exterior do aparcadoiro disporase unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá o arborado e o alumeado
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

A Xunta adxudicou por 508.448 euros a execución das obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no concello de Vilagarcía de Arousa.

O contrato, adxudicado á empresa Construcciones Cernadas, S.L., permitirá executar nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da estrada N-640, no lugar de Coruxo, este novo aparcadoiro na comarca do Salnés.

A previsión é iniciar as obras tras o verán, toda vez que os actos expropiatorios de levantamento de actas previas xa foron realizados e que a formalización das actas de ocupación está prevista para o vindeiro 21 de setembro, das 10,00 ás 10,15 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Os traballos contan cun prazo de execución de 5 meses.

En concreto, construirase o aparcadoiro no recheo xa existente adxacente á glorieta do enlace da V.G.-4.3 coa N-640. Terá unha superficie de 1.950 m2 , cunha capacidade para un total de 59 prazas, 9 delas en liña e o resto en batería. Do total de prazas, 2 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.

 

O novo aparcadoiro disporá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación que serán de sentido único.

 

Polo perímetro exterior do aparcadoiro disporase unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá o arborado e o alumeado.

 

Ademais, na marxe dereita das prazas en liña que se atopan no bordo este, disporase unha franxa de lastro de 1 metro para facilitar o descenso dos usuarios do vehículo, cunha varanda de madeira de 90 centímetros de alto e 40 metros de largo. Na súa marxe esquerda disporase dunha franxa de 1,50 metros en formigón como itinerario peonil. Para o acceso a este aparcadoiro será necesario acondicionar o viario de acceso existente.

 

A actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Data de actualización: 28/07/2023