A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do concello do Barco de Valdeorras do treito inicial da estrada OU-622, coincidente coa avenida do Bierzo

Transfírese o treito urbano de algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude desta vía autonómica, entre a avenida Manuel Quiroga e o entronque coa rúa San Francisco Blanco, incluíndo as obras de paso viarias sobre o ferrocarril e o río Cigüeño

A transferencia materialízase unha vez rematadas as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade, nas que a Xunta asumiu as solicitudes do Concello, cun investimento final de 835.000 euros

Para complementar os traballos, a Xunta acometerá en agosto as obras de mellora da varanda do paso sobre o ferrocarril, coa colocación dun pasamáns e novos pilares

O decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia producirá efectos desde mañá

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto da transferencia a prol do Concello do Barco de Valdeorras do treito inicial da estrada OU-622, coincidente coa avenida do Bierzo.

En concreto, transfírese o treito urbano desta vía autonómica, de algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude, comprendido entre a avenida Manuel Quiroga e o entronque coa rúa San Francisco Blanco, xunto co seu dominio público viario.

O cambio de titularidade inclúe tamén as obras de paso viarias existentes sobre o ferrocarril e sobre o río Cigüeño, excluíndose a superficie dos cruces a distinto nivel situada baixo elas.

Esta transferencia materialízase logo de rematar a Xunta o pasado ano as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade nesta vía autonómica, ás que destinou un investimento final de  835.000 euros.

A actuación levada a cabo

A actuación desenvolveuse entre os puntos quilométricos 0 e o 0+655 da estrada autonómica, o tramo da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana a travesía e máis accesible a súa contorna.

Para conseguir este obxectivo, mellorouse a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño.

Incrementouse o ancho da beirarrúa na marxe esquerda para mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que antes tiñan accesos con importantes desniveis. A partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 ampliouse o ancho das dúas beirarrúas.

Tamén se reordenaron os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento. Os últimos traballos centráronse na instalación das xuntas do paso superior sobre o ferrocarril e na colocación da sinalización horizontal.

A intervención permitiu mellorar as condicións de seguridade viaria na contorna do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao centro, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito.

Destaca tamén a renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento municipal que discorren por ambas as marxes e que presentaban un grado de deterioro importante debido ao paso do tempo.  A actuación incluíu melloras doutros servizos de competencia municipal, como a iluminación e a semaforización.

Novas actuacións

Coa resolución publicada hoxe no DOG dáse cumprimento ao acordado co Concello do Barco de Valdeorras na execución das obras na avenida do Bierzo.

Durante a execución das obras, a Xunta atendeu as solicitudes do Concello, relativas á distribución de carga e descarga, contenedores, alcorques, pasos de peóns, ordenación do tráfico, encaixe da rotonda, axustes nas redes de servizos, plaqueta ou alumeado, ademais de comprometerse a mellorar a varanda do paso sobre o ferrocarril.

Estas demandas supuxeron un esforzo administrativo e técnico que ralentizaron os traballos, obrigando á Xunta a tramitar a modificación do contrato inicial. Ademais, para poder atender a solicitude de mellora da varanda do paso sobre o ferrocarril, a Xunta tivo que tramitar un novo contrato, xa adxudicado e que suporá un investimento autonómico de 48.000 euros.

O Goberno galego acometerá en agosto esta actuación, que consiste na adaptación da varanda existente, coa colocación dun pasamáns a unha altura superior ao actual, así como no seu reforzo coa colocación de novos pilares. Tamén se instalará unha nova varanda similar á existente en varios puntos, seguindo a normativa actual.

O investimento inicial da Xunta na execución destas obras no treito urbano obxecto do cambio de titularidade, foi de máis de 715.000 euros, ao que houbo que engadir unha revisión extraordinaria de prezos polo incremento derivado dos custos dos materiais durante a súa execución, así como a actuación adicional na varanda que se vai acometer en breve. Isto eleva o investimento autonómico a un total de 835.000 €.

Coa publicación hoxe do decreto de cambio de titularidade no Diario Oficial de Galicia, o Concello do Barco de Valdeorras terá a competencia para actuar en toda a avenida do Bierzo e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación, é dicir, desde mañá.

Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 13 de xullo: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230727/AnuncioG0533-170723-0001_gl.html

Data de actualización: 27/07/2023