A Xunta destaca o papel do encontro de torneiros de Xermade como cita de referencia do sector en Europa

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación do XXIII Encontro Internacional de Torneiros de Galicia, que se celebrará os días 15, 16 e 17 de setembro

Na programación deste ano incluiranse demostracións de profesionais de prestixio como Stewart Furini, Jean Claude Charpignon e Paco Boyero, así coma do torneiro galego Lolo Castro, gañador do Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia

Xermade (Lugo), 27 de xullo de 2023

A Consellería de Economía, Industria e Innovación colabora na organización do XXIII Encontro Internacional de Torneiros de Madeira, que se celebrará en Xermade os días 15, 16 e 17 de setembro. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación deste evento monográfico que constitúe xa unha cita de referencia da tornería de madeira en Europa e que conta co apoio da Xunta desde o seu inicio.

Fabeiro destacou a relevancia deste evento ao que cada mes de setembro acoden profesionais de toda España e tamén doutros países europeos, como un espazo de intercambio e aprendizaxe para profesionais e afeccionados. Como en anteriores edicións, os torneiros convidados achegarán diferentes innovacións ao oficio do torneado da madeira que enriquecen a experiencia dos participantes no encontro.

No programa de actividades incluiranse demostracións de profesionais de prestixio que como Stewart Furini, especializado no traballo con policromía; Jean Claude Charpignon especializado en pezas torneadas moi ornamentais; Paco Boyero, que amosará como utilizar resinas no torno; e o torneiro galego Lolo Castro –Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018– que amosará o torneado de pezas tradicionais con llerga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023