A Xunta concede máis de 2 M€ en axudas a máis dunha vintena de concellos con figuras de recuperación da terra agraria para a mellora de servizos básicos

Os beneficiarios serán municipios nos que se localizan aldeas modelo ou outros instrumentos de recuperación da terra agraria

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas para a creación, mellora ou ampliación de servizos básicos en aldeas modelo e noutras figuras de recuperación da terra agraria. Estas achegas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural- supoñen un orzamento de 2.097.000 euros que serán repartidos entre 23 promotores diferentes.

Os beneficiarios desta liña de axudas son todos eles concellos nos que actualmente se están implementando diferentes figuras de recuperación e reestructuración do terreo. Neste caso, trátase de aldeas modelo e polígonos agroforestais recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Neste senso, un total de 19 entidades locais recibirán estas axudas para dotar de melloras diferentes aldeas modelo, concretamente os concellos de: A Veiga, O Incio, Monterrei, Quintela de Leirado, A Pobra de Brollón, Cerdedo-Cotobade, Avión, Carballeda de Avia, Folgoso do Courel, Cualedro, Riós, Quiroga, Sober, Taboadela, Toén, Boborás, O Pereiro de Aguiar, A Gudiña e Cenlle.

Por outra banda, catro municipios recibirán achegas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para implementar ou crear novos servizos básicos nas inmediacións de polígonos agroforestais. Os beneficiarios son os municipios da Arnoia, Oímbra, Crecente  e Curtis.

Aldeas modelo e polígonos agroforestais

As aldeas modelo son figuras voluntarias de agrupación de terra, recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia aprobada no 2021, que teñen como obxectivo poñer en produción , de xeito sustentable, as terras que se atopan en estado de abandono ou infrautilización nas contornas dos núcleos de poboación rurais.

Pola súa banda, os polígonos agroforestais tamén se atopan recollidos na devandita Lei de recuperación. Neste caso, estas figuras buscan pór en produción terras con boas aptitudes agrónomas e destinalas a algunha actividade produtiva.

Dende a entrada en vigor desta norma, son 21 as aldeas modelo que se tramitaron dende a Consellería e que se atopan en diferentes fases de execución. Así mesmo, son 23 os polígonos agroforestais de iniciativa pública postos en marcha pola Xunta. A información relativa a estas figuras atópase publicada no portal web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 

Enlace da resolución no DOG: 

Data de actualización: 27/07/2023