O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisa as obras dun punto de auga na Arnoia

Este novo punto de auga terá unha capacidade de máis de 430.000 litros para carga de helicópteros e motobombas

Esta actuación encádrase no Plan preventivo de Galicia que conta cun orzamento de case 38,8 M€, máis dun 17 % de aumento con respecto ao de 2022

Ourense, 27 de xullo de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello da Arnoia para, acompañado do alcalde, Rodrigo Aparicio, supervisar a execución dun punto de auga, promovido pola Consellería do Medio Rural, con capacidade para máis de 430.000 litros para carga de helicópteros e motobombas.

Esta actuación encádrase no Plan preventivo de Galicia que está en vigor ata marzo do próximo ano 2024 (incluído) e prevé actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre a creación de puntos novos e o mantemento dos existentes. Dito plan conta cun orzamento de case 38,8 millóns de euros, máis dun 17 % de aumento con respecto ao de 2022.

O delegado territorial sinalou que a prevención e defensa contra os incendios forestais ten como obxectivo reducir ao mínimo posible os lumes e as consecuencias producidas polos mesmos. En consecuencia, lévanse a cabo accións tendentes a evitar que o lume se produza e, en caso de producirse, reducir ao máximo posible as superficies queimadas. 

Por iso, -continuou Gabriel Alén- “é importante dotar ao territorio dunha rede de puntos de abastecemento de auga para helicópteros e vehículos contra incendios forestais, e  realizar unha distribución óptima para tratar de garantir a máxima eficacia, técnica e económica, dos labores de extinción de incendios, e a partir deste punto establecer a necesidade da instalación de novas infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais”. Nese senso, Gabriel Alén sinalou que se están a construír outros puntos de auga semellantes nos concellos ourensáns de Taboadela, Vilamartín de Valdeorras e Muíños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023