A Xunta asina un convenio para a construción de 286 novas vivendas de promoción pública

Os inmobles serán cofinanciados polo Goberno galego e con fondos da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

É o terceiro convenio que se asina destas características e o obxectivo é construír 784 vivendas públicas cun investimento total de 108 M€

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia investirá preto de 44,9 millóns de euros na construción de 286 vivendas de promoción pública, que serán cofinanciadas polo Goberno galego e con fondos da Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, tal e como recolle o convenio asinado hoxe polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Ao abeiro deste acordo, construiranse 66 vivendas de promoción pública en Ourense; 20, en Mos; 54, en Ferrol, e 146, en Lugo, que se integrarán no parque público de vivenda propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e se adxudicarán a través do Rexistro de Demandantes de Galicia.

Estas vivendas serán financiadas nun 68,44 % con fondos propios da Xunta de Galicia –máis de 30,7 millóns de euros- e nun 31,56 % con fondos procedentes da Unión Europea –algo máis de 14,16 millóns de euros-.

Terceiro convenio asinado

Trátase do terceiro convenio destas características que asinan o Goberno galego e o Executivo central. Os dous acordos asinados previamente establecían a construción doutras 498 vivendas, que se localizarían en Santiago de Compostela (60), A Coruña (98), Vigo (206), Pontevedra (76) e Lugo (58). O orzamento estimado nestes convenios é de máis de 63,4 millóns de euros, dos que preto de 39 millóns de euros corresponden a fondos propios da Xunta e preto de 25 millóns a fondos comunitarios.

Polo tanto, está previsto que na Comunidade se constrúan 784 vivendas de promoción pública cun investimento total de 108 millóns de euros, dos que a Xunta achegará máis de 69 millóns de euros de fondos propios e a Unión Europea, algo máis de 39,1 millóns de euros. 

Estado das promocións

Das vivendas incluídas nos dous primeiros convenios, están en construción as do Sunp 13 (Castiñeiriño) en Santiago de Compostela e licitadas as obras de construción das 38 que se construirán na parcela M-IVA-10 de San Paio de Navia (Vigo). 

Ademais, están aprobados os proxectos para a construción das vivendas da parcela BB5 do sunp 12 (Lamas de Abade) de Santiago de Compostela e da parcela Z-13 do barrio de Xuxán, na cidade da Coruña. A licitación das obras de construción das 40 vivendas da parcela Z-13 xa foi autorizada polo Consello da Xunta do pasado 20 de xullo.

O resto de proxectos están actualmente en redacción ou licitado o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obras.

Data de actualización: 27/07/2023