A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe a unidade Salnés Sur, con sede en Sanxenxo

A Xunta seguirá reforzando o seu compromiso coa atención temperá, que chega xa a máis de 200 municipios galegos

Este centro dá cobertura aos concellos de Sanxenxo, O Grove, Meaño, Meis e Ribadumia e vén de iniciar este mesmo ano a súa actividade

Sanxenxo (Pontevedra), 27 de xullo de 2023 A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá a unidade de atención temperá Salnés Sur, con sede en Sanxenxo. Durante o encontro, sinalou que o Goberno galego seguirá reforzando o seu compromiso con este servizo que chega nestes momentos a máis de 200 municipios galegos e atende a máis de 5000 nenos de 0 a 6 anos con posibles problemas no desenvolvemento.

Esta unidade —que dá cobertura aos concellos de Sanxenxo, O Grove, Meaño, Meis e Ribadumia— vén de iniciar a súa actividade este mesmo ano. Naceu co obxectivo de aliviar a carga asistencial da unidade situada en Vilagarcía de Arousa para o que o Goberno galego duplicou o importe do convenio coa Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), encargada da xestión destes centros, ata chegar aos 740.000 euros.

Deste xeito, a Asociación Galega de Atención Temperá conta na actualidade con catro unidades en funcionamento: unha en Bergantiños, que dá cobertura aos concellos de Carballo, Cabana, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso; outra no Deza que atende aos nenos de Lalín, Agolada, Dozón, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces; outra no Salnés norte, para os municipios de Vilagarcía, Vilanova e A Illa; e esta nova unidade no Salnés Sur. 

Unidades municipais

A directora xeral lembrou que esta atención aínda se complementa coas unidades de atención temperá de titularidade municipal que o Goberno galego impulsa cada ano. Nestes momentos, están en funcionamento máis de 40 centros que dan cobertura a 200 concellos. No ano 2009 tan só existían na nosa Comunidade dúas unidades que prestaban atención a quince municipios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023