A Xunta remata as obras de mellora da mobilidade e da seguridade peonil na estrada autonómica AC-524 en Frades cun investimento de máis de 225.000 euros

Habilitouse un itinerario de 770 metros na marxe esquerda da vía que permite os desprazamentos máis cómodos e seguros entre os núcleos de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos, continuando pola senda da travesía da Abellá

O novo treito dispón de pavimento podotáctil nos cruzamentos e nos pasos de peóns para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras da nova senda na estrada autonómica AC-524, no concello de Frades, que supuxo un investimento de algo máis de 225.000 euros.

A intervención centrouse na execución dun novo itinerario que favorece os desprazamentos cotiás dos veciños entre os núcleos de poboación de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos, o que permite a súa continuidade pola senda actual da travesía da Abellá, de forma cómoda, segura e saudable.

Trátase dun itinerario de 770 metros de lonxitude para permitir a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos. A nova senda desenvólvese pola marxe esquerda da estrada, dando continuidade á existente na travesía de Abellá.

Nas zonas de cruzamento empregouse pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, ao igual que nos pasos de peóns, para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión.

As obras completáronse con traballos de drenaxe das augas pluviais, coa preinstalación para o alumeado público e a reposición dos servizos e sinais que se viron afectados na intervención.  

A actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta contou con financiamento da Unión Europea dos fondos REACT EU de resposta contra a pandemia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023