As tartarugas Ferdylan, Geno e Cicliña volven ao seu medio natural trala súa recuperación no Instituto Galego de Formación en Acuicultura

Foron embarcadas nos últimos días no porto de Vilaxoán para a súa posterior liberación e regreso ás augas do Caribe tras pasar varios meses no centro dependente da Xunta baixo a supervisión da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños

O Igafa colaborou desde 2013 na recuperación de máis dunha vintena de mamíferos mariños e tartarugas que chegaron á costa débiles ou feridos
 

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, despediu nos últimos días ás tartarugas mariñas Ferdylan, Geno e Cicliña, que foron embarcadas no porto de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) para a súa posterior liberación e regreso ás augas do Caribe. A solta prodúcese tras superar a última fase da súa recuperación no centro baixo a supervisión da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).

Esta acción forma parte da colaboración que mantén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desde o ano 2013 coa Cemma para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

Ferdylan, Geno e Cicliña foron capturadas por barcos de pesca, a primeira nas inmediacións de Cariño, a segunda fronte a cabo Prior e a terceira na zona da Mariña. Tras superar a primeira fase da súa recuperación na UCI que a Cemma ten en Nigrán, dentro da estrutura da Rede de Varamentos de Galicia, os tres animais foron trasladados en febreiro á piscina mariña do Igafa para completar a segunda e última fase de recuperación.

O coidado destes animais conta coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto da Illa de Arousa co fin de favorecer a súa progresión. De feito, este tipo de estadías adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados coa protección dos mamíferos mariños e o fomento da sensibilidade medioambiental.

Tras varias semanas de coidados no centro dependente da Consellería do Mar e, unha vez constatada a evolución favorable dos tres exemplares, todos recibiron a alta por parte do equipo veterinario da Cemma e foron liberados desde a patrulleira Punta Roncadoira, do Servizo de Gardacostas de Galicia. Desde o inicio desta colaboración o Igafa participou na recuperación de oito tartarugas e 14 lobos mariños, incluíndo a estas tres que foron devoltas nos últimos días ao medio natural.

Ademais os tres animais participan nun proxecto da Fundación Biodiversidade de marcaxe de tartarugas capturadas en artes de pesca e rehabilitadas nos Centros de Recuperación. Por iso levan un emisor GPS na coiraza que permitirá facer o seguimento dos seus movementos nos meses posteriores á liberación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023