Román Rodríguez loa o papel dos historiadores á hora de divulgar e protexer o patrimonio cultural

Sanxenxo (Pontevedra), 26 de xullo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do libro A nova igrexa parroquial de San Xinés de Padriñán. Sanxenxo, onde puxo de manifesto o importante labor que historiadores, investigadores e teólogos están a ter á hora de divulgar e protexer o patrimonio cultural galego. Referiuse, en concreto, ao traballo levado a cabo por José Manuel Abel Expósito, Isidoro Sabell Salgués, Julio Gil e José Manuel García Iglesias nesta nova publicación cunhas tarefas de documentación “contundentes que se distancian dos ensaios habituais na profundidade das súas indagacións”.

Valorou que este novo libro “non se trate dunha investigación máis no eido das igrexas de Galicia”, senón dunha “reflexión do papel que a propia sociedade xoga na súa conservación”. Como explicou, os autores reflicten os distintos episodios que permitiron a construción do templo “e como a cultura e as distintas institucións foron esenciais para acadar este éxito”. Román Rodríguez destacou, ademais, a igrexa parroquial de San Xinés no patrimonio cultural galego como “un dos exemplos máis notorios de nova arquitectura eclesiástica de Galicia” e apelou á sociedade e o resto de institucións a fomentar o interese en torno á súa pegada.

Data de actualización: 26/07/2023