A Xunta comeza as obras de renovación nas cubertas e canlóns do Colexio CEIP Froebel

O obxectivo é solucionar os problemas máis recentes, manténdose o compromiso de realizar a terceira fase de reforma do centro

Entre outras actuacións, mudaranse as baixantes e os policarbonatos dos lucernarios e repasaranse as cumbreiras da cuberta central

No instituto Valle-Inclán estanse levando a cabo os traballos de demolición dos vestiarios do semisoto, tal e como marca a planificación para este centro

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023 A Xunta vén de comezar as obras de renovación nas cubertas e canlóns do Colexio CEIP Froebel, tal e como comprobou esta mañá o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, que se achegou ao centro acompañado da xefa da Unidade Técnica.

Esta actuación prodúcese despois da visita dos técnicos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en Pontevedra e técnicos municipais para analizar o estado do centro e valorar as posibles intervencións que permitan solucionar este mesmo verán os problemas máis recentes do centro.

Nesta Inspección exhaustiva acordouse que o Concello acometería a limpeza de todos os faldóns de cubertas e canlóns. A continuación, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades procedería a executar a renovación da súa parte.

En concreto, as obras que acaban de comezar inclúen a reposición das baixantes da cuberta do patios, a reparación dos canlóns que o precisen e dos policarbonatos dos lucernarios. Así mesmo, repasaranse as cumbreiras da cuberta central e aumentarase a sección das baixantes das cubertas para que recollan mellor a auga.

De xeito paralelo, o Goberno galego mantén intacto o seu compromiso co Colexio CEIP Froebel. Estase a ultimar o proxecto da terceira fase da reforma a acometer e, unha vez estea listo, iniciarase o proceso de licitación co fin de executar a obra en 2024, que conta cun investimento estimado de 1 M€. Incluirá, entre outras actuacións, o cambio das cubertas, renovación de baños, instalación eléctrica ou pavimentos.

IES Valle-Inclán

Así mesmo, César Pérez Ares tamén se desprazou ao instituto IES Valle-Inclán para comprobar o desenvolvemento das obras conforme á planificación establecida. Así pois, tal e como marca a folla de ruta, hoxe os traballos estanse centrando na demolición nos vestiarios do semisoto do edificio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023