A Xunta entrega as placas de Mercado Excelente ás prazas de abastos de Vilagarcía de Arousa e Tomiño

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá os municipios pontevedreses, cuxos mercados son un exemplo da calidade destas infraestruturas clave para o comercio local

Tomiño (Pontevedra), 26 de xullo de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, entregou hoxe as placas de Mercado Excelente ás prazas de abastos de Vilagarcía de Arousa e Tomiño, un recoñecemento co que a Administración autonómica recoñece a calidade destas infraestruturas clave para o comercio local. 

No caso do municipio arousán, o selo de Mercado Excelente premia as reformas e adaptacións que se fixeron, en colaboración coa Xunta, relacionadas cos accesos, a eficiencia enerxética, o mantemento, a xestión, os servizos engadidos como o local de restauración, os servizos á clientela ou as campañas de dinamización.  

No que respecta a Tomiño, converteuse en 2018 na primeira praza de abastos de Galicia en obter o recoñecemento, e no acto de hoxe entregóuselle a placa coa nova imaxe coa que se distinguen estas instalacións. O mercado, que tamén foi renovado co apoio da Xunta de Galicia, destaca en aspectos como a imaxe, instalacións e accesibilidade; a organización, unidade de xestión e profesionalidade dos praceiros e praceiras; a atención ao cliente e a prestación de servizos; e a implicación e integración do mercado na vida do municipio.

O impulso aos mercados de abastos é un dos eixos estratéxicos do apoio ao sector comercial da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que este ano puxo en marcha unha convocatoria de axudas por 4,6 millóns de euros para o fomento dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos, destinada tanto a concellos como a asociacións profesionais de praceiros. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a convocatoria está pendente de resolución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023