A Xunta conclúe o trámite ambiental do proxecto da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Lugo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se fai público o informe de impacto ambiental correspondente, que indica que non son previsibles efectos adversos significativos no medio ambiente pola construción da nova infraestrutura

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023 A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de formular o informe de impacto ambiental (IIA) correspondente ao proxecto de terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Lugo, unha resolución coa que se dá por concluída a súa tramitación desde o punto de vista medioambiental. 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se fai público o devandito informe. Logo de realizar unha avaliación ambiental simplificada da iniciativa, o órgano ambiental conclúe que non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente pola construción da nova terminal de autobuses e, polo tanto, tampouco se considera necesario sometela a avaliación de impacto ambiental ordinaria. 

Deste xeito, serán agora o órgano promotor do proxecto (a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade) e o substantivo con competencias para autorizalo (a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo) os que deberán continuar coa tramitación necesaria para poder levar a cabo a nova infraestrutura. 

Cómpre lembrar que este proxecto ten por obxecto a construción dunha nova terminal de autobuses na cidade, que se localizará ao carón da actual estación de tren. O informe emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático pon fin á tramitación ambiental que se iniciou o pasado mes de marzo e permitirá seguir avanzando na execución da futura intermodal lucense. 

A estación intermodal de Lugo é un proxecto conxunto entre a Xunta, Adif e o Concello de Lugo que suporá un investimento global de 49,2 M€.  

O Goberno galego vén traballando de xeito continuo nos últimos anos por impulsar esta actuación, na que non escatimou esforzos, incrementando ata un 50% a contía que lle correspondería achegar para financiar a nova estación de autobuses, elevando o investimento autonómico ata os case 13,7 M€.

A administración autonómica, ademais de executar a nova terminal de autobuses tamén será a encargada das obras do aparcadoiro, que responde ás necesidades da terminal ferroviaria, cofinanciado con Adif e no que a administración autonómica asume o 37,5% do custo.

Data de actualización: 26/07/2023