A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada PO-400 ao paso polos concellos de Arbo, Crecente e As Neves, que suporán un investimento de 3,3 M€

As actuacións contan cun prazo de execución de 9 meses e consisten na rehabilitación da capa de rodaxe, o acondicionamento de interseccións ou a mellora da drenaxe en distintos puntos da vía autonómica ao paso por estes tres concellos

Acondicionarase as interseccións arredor dos quilómetros 13+900 e 17+500, coa incorporación dun carril central para facilitar os desvíos

Tamén se levará a cabo a reposición das marcas viarias en todo o treito da actuación e a colocación de captafaros

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023 A Xunta iniciou hoxe as obras de mellora do firme na estrada PO-400 ao paso polos concellos da comarca do Condado-Paradanta de Arbo, As Neves e Crecente. As actuacións suporán un investimento de 3,3 millóns de euros.  

As intervencións céntranse na renovación do firme da calzada de distintos treitos da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 8+700 e 12+660, ao seu paso polo concello das Neves; do quilómetro 12+660 ao 17+800 e do 19+300 ao 24+800, no municipio de Arbo; e dos puntos quilométricos 24+800 ao 28+000, en Crecente. 

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 9 meses, comprenden o fresado e reposición do firme das zonas localizadas que se atopen deterioradas e o recrecido nalgúns treitos. 

Tamén se levará a cabo o acondicionamento das interseccións arredor dos quilómetros 13+900 e 17+500, coa incorporación dun carril central para facilitar os desvíos. 

Acometerase, ademais, a reparación puntual da sección transversal en distintos puntos para mellorar a capacidade de drenaxe.

Por último, procederase á reposición das marcas viarias, símbolos e cebreados en todo o treito da actuación e á colocación de captafaros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023