Galicia acada por primeira vez o 30% de turismo internacional nos seis primeiros meses do ano

A Comunidade galega superou nun 12% e 9%, respectivamente o número de viaxeiros aloxados e o número de noites do pasado ano

O 70% das noites hoteleiras corresponden ao turismo nacional e o restante corresponde ao turismo internacional que presenta un forte incremento e acada un máximo da serie histórica dos primeiros seis meses do ano
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

Nos primeiros seis meses deste ano, Galicia rexistrou 2.040.435 viaxeiros aloxados e 3,6 millóns de noites no conxunto dos establecementos de aloxamento, segundo os datos de ocupación do INE – hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings, turismo rural e albergues-, cifras que superan nun 12% e 9% respectivamente, os niveis do pasado ano.

O 70% das noites hoteleiras corresponden ao turismo de ámbito nacional, segmento no que ten un maior peso o receptor -españois que proceden doutras comunidades autónomas que representan o 44% do total. O mercado interno, dos residentes en Galicia, absorbe o 26%.

O 30% restante corresponde ao turismo internacional que presenta un forte incremento e acada en 2023 un máximo da serie histórica dos primeiros seis meses do ano tanto en volume -con preto de 1,1 millóns de noites- como en peso -co 30% do total da demanda.

Datos por provincias

Co 47% das noites hoteleiras a provincia de A Coruña lidera o mercado turístico hoteleiro nestes primeiros seis meses do ano. Seguen a continuación: Pontevedra, co 31%; Lugo co 13%; e Ourense co 8% do total. Mantense a concentración da demanda nas provincias do litoral atlántico, xa que o 79% das noites localízanse en A Coruña e Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023