O delegado territorial da Xunta visita os nenos e nenas que participan no minicampamento de verán Ecoverán termal en Laias, en Cenlle
Gabriel Alén puxo en valor a importancia que teñen este tipo de actividades, coas que se busca fomentar o lecer educativo saudable e seguro da mocidade galega durante a temporada estival e a súa vez amosarlles a cantidade programas que se poden desenvolver nas contornas naturais
Baixo o lema O verán que sempre vas lembrar, a Campaña de Verán de 2023 da Xunta oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, distintas accións formativas como os campamentos en Galicia; os campos de voluntariado, os programas de intercambios, o programa ‘Conecta con Galicia’ e os minicampamentos ‘Coñece Galicia’
18 rapaces e rapazas, de entre 10 e 14 anos de idade participan ata o 28 de xullo da piscina termal e os deportes náuticos no encoro de Castrelo de Miño, así como de visitas culturais na contorna, rutas ambientais no Parque Nacional Peneda-Geres e a ruta tren turístico polo río Miño en Ourense
Ourense, 26 de xullo de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Rebeca Sotelo, aos 18 rapaces e rapazas, de entre 10 e 14 anos de idade, que participan ata o 28 de xullo das actividades do minicampamento ‘Ecoverán termal en Laias’, no concello de Cenlle.
O delegado territorial explicou que a Xunta ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.
Baixo o lema O verán que sempre vas lembrar, a Campaña de Verán de 2023 da Xunta de Galicia oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, distintas accións formativas como os campamentos en Galicia; os campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro; os programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas; o programa ‘Conecta con Galicia’ para a mocidade galega do exterior e os minicampamentos ‘Coñece Galicia’, de 5 días de duración.
Serán, en total, 11.238 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán programadas polo Goberno galego.
O nenos e nenas do albergue turístico de Laias desfrutan da piscina termal e os deportes náuticos no encoro de Castrelo de Miño. Así mesmo realizarán visitas culturais na contorna, rutas ambientais no Parque Nacional Peneda-Geres e a ruta tren turístico polo río Miño en Ourense. Tamén percorrerán a senda nocturna á Marmita das Xacias e desenvolverán traballos de observación de estrelas e veladas.
A súa procedencia é maioritaria das cidades de A Coruña (6) e Vigo (5). Despois veñen das poboacións de Ames, Carral, Sada Teo Viveiro, Mos e Moaña.
Gabriel Alén puxo en valor a importancia que teñen este tipo de actividades, coas que se busca fomentar o lecer educativo saudable e seguro da mocidade galega durante a temporada estival e a súa vez amosarlles a cantidade programas que se poden desenvolver nas contornas naturais.
O delegado territorial subliñou por último que “con campamentos como este Galicia segue a ofrecer aos mozos e mozas e ás súas familias recursos de conciliación estival no marco dunha programación activa e formativa”. Para o delegado territorial, “o obxectivo final é garantir que as familias poidan estar tranquilas levando aos seus pequenos ás actividades da Campaña de Verán da Xunta por ser unha aposta segura de conciliación”.