A Xunta licita a xestión do sistema de depuración das augas superficiais na autovía Ferrol–Vilalba, ao paso polas Pontes, por un importe de case 3,8 M€

Trátase da explotación das instalacións de tratamento físico-químico para a corrección da acidez das augas no tramo da autovía á altura de Mariñadela, e da decantación e separación dos lodos, de modo que no medio se garanta o pH normal

O contrato enmárcase nas actuacións da Xunta para minimizar as causas que provocan a acidez natural das augas da contorna e que permiten a neutralización controlada do efluente nos ríos e no encoro do Eume

As empresas interesadas neste novo contrato, cunha duración de 4 anos, teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de agosto

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

A Xunta licitou hoxe a xestión do sistema de depuración das augas superficiais da autovía Ferrol-Vilalba, a  AG-64, ao seu paso polo concello das Pontes de García Rodríguez, por un importe de case 3,8 millóns de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación deste contrato, cunha duración de 4 anos. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de agosto.

Trátase da contratación dos servizos da explotación e optimización das instalacións de tratamento físico-químico para corrección do pH das augas superficiais no tramo da autovía á altura de Mariñadela, así como da decantación e separación dos lodos residuais, de modo que no medio natural se garanta pH normal.

Antecedentes

Tras as obras realizadas na construción da AG-64, concretamente no tramo pertencente ao concello das Pontes á altura de Mariñadela, quedaron ao descuberto materiais piríticos cuxa oxidación acentuaban a acidez que xa posúen de forma natural as augas da zona, cos conseguintes efectos na conca do río Chamoselo, tributario do Eume, e no Eume.

Para corrixir os problemas detectados, a Xunta desenvolveuse un plan de actuación encamiñado a minimizar as causas que provocan a acidificación, procedendo ao selado do vertedoiro-amoreo dos Airíos, gunitado dos noiros do desmonte da Mourela e impermeabilización dos noiros do terraplén da autovía.

En paralelo a estas intervencións, definiuse un tratamento integral dos cursos de auga afectados pola acidificación, nos ríos Eume e tributarios e no encoro do Eume, alcanzándose unha situación estable en canto ao funcionamento do sistema de tratamento das augas ácidas, cuxo mantemento foi asumido pola Xunta.

O contrato

En concreto, o contrato licitado hoxe ten como obxecto a explotación das instalacións de tratamento físico-químico para corrección do pH das augas superficiais, así como da decantación e separación dos lodos residuais, de modo que no medio natural se garanta o pH normal.

Os traballos a realizar consisten na neutralización controlada do efluente, para o que existe unha rede de pHmetros en todos os treitos dos ríos Chamoselo e Lavadoiro e os seus afluentes principais, con puntos de adición de hidróxido de cal en función do pH do punto de control do río e do de augas abaixo. En concreto, no río Eume existen dous pHmetros de control augas abaixo da desembocadura do río Chamoselo.

Tamén se realizará a precipitación da fracción insoluble mediante decantación, a extracción dos lodos decantados e a súa deshidratación mediante filtro prensa.

A Xunta prevé adxudicar este novo contrato este outono, para que a empresa adxudicataria poida iniciar os traballos o 1 de xaneiro de 2024, ao rematar o actual contrato, que vence o 31 de decembro deste ano.

A Xunta, a través dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, organizará unha visita ás instalacións de depuración nas vindeiras semanas para atender as solicitudes das empresas interesadas na licitación deste contrato.

Data de actualización: 26/07/2023