A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinaron esta mañá o convenio para a execución dunha senda peonil ao longo de 600 metros da estrada que lle dará continuidade á xa executada

Ethel Vázquez destaca a colaboración da Xunta co Concello de Cerdedo-Cotobade para completar a humanización da travesía de Tenorio e mellorar a mobilidade cun investimento total de máis de 1,2 M€

A conselleira detalla que se demolerán as beirarrúas existentes substituíndoas por unhas novas máis anchas e accesibles, limparanse e renovaranse as redes de saneamento e pluviais, mellorarase a iluminación e dotaranse pasos de peóns máis seguros

Sinala que a actuación suporá un investimento conxunto de 440.000 €, dos que a Xunta achegará 310.000 € e a administración local o 30% restante, 130.000 €

Avanza que o Concello pode empezar as obras de forma inmediata co obxectivo de que o vindeiro ano estean finalizadas e ao servizo dos veciños, que poderán desprazarse a pé sen risco ao longo de toda a travesía na que se concentran os principais equipamentos

Lembra que estas intervencións dan continuidade aos traballos executados en 2021, nunha 1ª fase de humanización da travesía de Tenorio que supuxo un investimento conxunto de 800.000 €, poñendo á disposición unha vía máis accesible, humana e segura

Pontevedra, 26 de xullo de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a colaboración entre a Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade para completar a humanización da travesía de Tenorio e mellorar a mobilidade dos veciños, e con ela a súa calidade de vida, cun investimento global de máis de 1,2 millóns de euros.  

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para completar a reforma da travesía que atravesa a parroquia de Tenorio e que suporá a execución dun itinerario peonil ao longo de 600 metros da estrada, pola marxe dereita, que le dará continuidade ao xa habilitado con anterioridade.  

Segundo detallou Ethel Vázquez, trátase de demoler as beirarrúas existentes, que están moi deterioradas e teñen un ancho variable, substituíndoas por unhas novas, máis anchas e accesibles, ao igual que xa se fixo na primeira fase de humanización da travesía.  

Tamén se aproveitarán os traballos para limpar ou renovar, segundo as necesidades, as redes de saneamento e pluviais. Mellorarase a iluminación actual, para facela máis eficiente e soterrarase parte da canalización aérea existente. Nos pasos de peóns tamén se instalará iluminación horizontal e vertical para reforzar a seguridade.  

O obxectivo da intervención, tal e como salientou a conselleira, é que os veciños de Tenorio poidan desprazarse a pé sen risco a través de toda a travesía na que se sitúan os principais puntos de referencia desta parroquia de Cerdedo-Cotobade: o mosteiro, o centro de saúde, o centro sociocultural e diferentes establecementos comerciais.  

Os traballos desta segunda fase de humanización da travesía de Tenorio suporán un investimento de 440.000 euros, dos que a Xunta achegará un total de 310.00 euros e o Concello o 30% restante, 130.000 euros, ademais de asumir a contratación e a execución das obras.  

Ethel Vázquez explicou que o Concello xa dispón dun proxecto, polo que se atopa en condicións de iniciar os traballos de forma inmediata, co obxectivo de que estean totalmente finalizados o vindeiro ano e ao servizo dos veciños de Tenorio, que disporán dunha mobilidade peonil segura e accesible ao longo de toda a vía.  

Lembrou que con esta nova actuación conxunta entre a administración autonómica e a local se dá continuidade ao traballo iniciado hai varios anos que fixo posible culminar a finais de 2021 a primeira fase de humanización desta travesía grazas a un investimento de 800.000 euros que permitiu poñer á disposición unha vía máis accesible, humana e segura para os peóns, os usuarios máis vulnerables da estrada.

A intervención executada abrangueu un treito de 1,5 quilómetros nos que se dotou máis espazo para camiñar, con beirarrúas o dobre de anchas e con bordo de protección, ademais de nova iluminación máis eficiente e tamén sinalización luminosa nos pasos de peóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023