A Xunta reedita a campaña #IgualdadeFollowers nas redes sociais para axudar a que a cultura de xénero prenda de xeito efectivo entre a mocidade

Quince ‘influencers’ e personaxes con relevancia en Galicia dos sectores da cultura, o deporte, a ciencia e a comunicación participan coas súas testemuñas nesta iniciativa promovida polo Goberno autonómico e a Asociación de Periodistas de Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presentou hoxe a campaña multimedia que busca poñer en valor a necesidade e riqueza de contar co talento feminino en todas as disciplinas

No acto tomaron parte a taekwondista Lúa Piñeiro, a xornalista Patricia García Lema e a deseñadora Clara Redondo, as tres creadoras de contido nas redes sociais

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presentou hoxe no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago, a terceira edición da campaña #IgualdadeFollowers, que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración coa Asociación de Periodistas de Galicia (APG) coa finalidade de xerar unha actitude proactiva entre a xente moza a favor da igualdade efectiva. A iniciativa, que se difundirá en formato multimedia a través das redes sociais, conta coas aportacións de 15 referentes galegos, mulleres e homes con papeis relevantes en diferentes disciplinas (cultura, comunicación, deporte, investigación...), que, coas súas testemuñas, fan énfase na necesidade e riqueza de contar co talento feminino en todos os ámbitos.

A Xunta impulsa un ano máis esta campaña para reivindicar o papel da muller en Galicia e concienciar á mocidade sobre a importancia da perspectiva de xénero. Recorre a personaxes relevantes para que, coa súa testemuña, causen efecto entre mozas e mozos, dos que son referentes.

A secretaria xeral, Sandra Vázquez, avogou por aproveitar as redes sociais como “unha gran oportunidade” para mudar perspectivas cara outras máis evolucionadas e, en concreto, para poñer de manifesto “a importancia de protexer os dereitos das mulleres nos espazos dixitais”. Lembrou que Galicia leva un treito avanzado neste camiño ao recoñecer desde 2021 a violencia de xénero dixital como unha forma de violencia máis.

Influentes nas redes

No acto tomaron parte Lúa Piñeiro, campioa europea de taekwondo; Patricia García Lema, xornalista e influencer (Donkeycool); e Clara Redondo, deseñadora de moda con ampla presenza tamén nas redes sociais. As tres forman parte do conxunto de persoas influentes elixidas para esta nova edición da campaña, que contará tamén con representantes do ámbito empresarial e profesional, como Carlota Corzo, emprendedora e cofundadora de lazzaro.io e Laura Vallejo, operaria forestal e creadora de contido (lauritavallejo).  

Do eido investigador toman parte na iniciativa Carmen Vidal, xefa de Alergoloxía do CHUS e Paula Vilaboy, bióloga e tamén moi activa nas redes sociais (blondiemuser).

A representación do deporte complétase coa presenza do ex baloncestista Fernando Romay; o tenista en cadeira de rodas Martín de la Puente e o futbolista Miguel Mandayo (maandayo).

Completan a lista de personalidades representantes do eido cultural, musical e da comunicación como o escritor Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2022; a cantante Lucía Pérez (representante de España en Eurovisión 2011),  María Foscaldo, xornalista e creadora de contidos (Virtudes a Repunante); o músico Nani García e a poeta e xestora cultural,  Yolanda Castaño.

A Xunta e a Asociación de Periodistas de Galicia seguen a colaborar para reivindicar o papel da muller en Galicia e concienciar á mocidade sobre a importancia de seguir loitando cara á igualdade real e efectiva da sociedade xa que, como destacaron, os medios de comunicación e as redes sociais resultan imprescindibles no labor de concienciación e como guía da opinión pública.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2023