A Xunta adxudica por case 1,3 M€ a execución do tramo do eixe de mobilidade sostible da cidade de Ourense na avenida das Caldas, desde a intermodal ata a Ponte Romana

Esta nova intervención, xunto coa adxudicada no paseo do Barbaña a semana pasada, forma parte das actuacións para a conformación dun itinerario de 5,1 km que conectará os principais equipamentos da cidade, de norte a sur, cun investimento global de 8 M€

As obras de acondicionamento da avenida das Caldas permitirán a súa humanización integral para convertela en porta de entrada á cidade, mellorando a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide coa Vía da Prata

A previsión é comezar as obras de acondicionamento da avenida das Caldas a finais do verán e iniciar no último trimestre as obras da senda do Barbaña, co obxectivo de ter rematados os traballos a finais de 2024

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

A Xunta adxudicou por 1.296.980 euros as obras de execución da senda que irá desde a intermodal ata a Ponte Romana, pola avenida das Caldas, no concello de Ourense.

Esta intervención, adxudicada á empresa Proyecon Galicia, S.A., forma parte das actuacións para a conformación dun eixe de mobilidade sostible que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de sendas cunha inversión global de 8 M€. A actuación súmase á adxudicada a pasada semana por máis de 3,5 M€ para executar a senda entre Os Remedios e Expourense, ao longo do paseo do Barbaña.  

A previsión é comezar as obras de acondicionamento da avenida das Caldas a finais do verán e iniciar no último trimestre as obras da senda do Barbaña, co obxectivo de poder ter rematados os traballos a finais de 2024. 

En concreto, as obras da senda entre a intermodal e a Ponte Romana suporán acometer a humanización integral da avenida das Caldas, para convertela en porta de entrada á cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal. Así, mellorarase a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide, ademais, coa Vía da Prata, polo que tamén se contribuirá á dinamización do Camiño. 

Intervirase ao longo de 600 metros, entre a estación intermodal e a Ponte Romana, habilitando beirarrúas máis anchas e carril bici, gañando espazo para as persoas e reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril, en sentido baixada, que se dotará, pola marxe dereita, de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de carga.  

Tamén se ampliarán e se renovarán as beirarrúas, procurando un ancho mínimo de 2 metros na marxe dereita en sentido baixada e de entre 3 e 5 metros pola marxe esquerda, que é a que coincide co Camiño de Santiago.  

Estas actuacións enmárcase nos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.

Data de actualización: 26/07/2023