A Xunta publica a aprobación da senda cara ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o eixe de mobilidade sostible O Milladoiro-Intermodal, cun investimento de máis de 1 M€

Executarase un itinerario de 1.130 metros no eixe Conxo-Hospital Clínico, entre o antigo túnel de Adif e o barrio de Santa Marta, unindo numerosos puntos de interese da cidade, ao longo do eixe de mobilidade norte-sur

As obras licitaranse ao longo do verán co obxectivo de comezar os traballos no primeiro trimestre de 2024

A nova intervención divídese en tres subtreitos, unindo o primeiro o túnel de Adif e o río Sar; o segundo, ata o disuasorio de Santa Marta; e logo ata a avenida da Liberdade

Atendendo ás achegas recibidas, segregarase o itinerario nos treitos nos que sexa viable, como a conexión directa en baixada desde a senda do treito O Milladoiro-estación intermodal, ou o treito comprendido entre o quilómetro 0+390 e 0+980

Adaptarase o trazado no cruce sobre o río Sar, aproveitando a pontella existente, suprimindo a pasarela prevista no proxecto de trazado sometido a información pública e evitando así a implantación dun novo itinerario na zona inundable deste río

En atención ás suxestións do Concello de Santiago, axustarase o trazado no treito final eliminando a franxa verde de separación entre a beirarrúa e o carril bici para reducir a ocupación nalgún dos ámbitos na contorna de Santa Marta

Será a terceira actuación no marco da creación do eixe de mobilidade sostible que conectará O Milladoiro, o hospital, a intermodal e o complexo de San Caetano, case 13 km de itinerarios que suporán un investimento global da Xunta de preto de 12 M€
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resoluciónda aprobación definitiva do proxecto para conformar o treito de senda de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo eixe de mobilidade sostible entre O Milladoiro e a estación intermodal, que suporá un investimento de máis de 1 millón de euros.

A aprobación definitiva do proxecto, á que deu luz verde hai dúas semanas o Consello da Xunta, implica a declaración de utilidade pública.

O investimento de máis de 1 M€ inclúe o pagamento dos 77 predios necesarios para impulsar un itinerario de aproximadamente 1.130 metros de lonxitude, que permitirá a circulación de peóns, ciclistas non deportivos e vehículos de mobilidade persoal no eixe Conxo-Hospital Clínico; concretamente, entre o antigo túnel de Adif e o barrio de Santa Marta, comunicando numerosos puntos de interese da cidade ao longo do eixe de mobilidade norte-sur.

No seguinte enlace pode consultarse a información relativa a esta resolución do DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230726/AnuncioG0533-180723-0001_gl.html

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar as obras ao longo deste verán para iniciar os traballos no primeiro trimestre de 2024. A convocatoria dos actos de levantamento de actas previas das expropiacións realizarase no cuarto trimestre do ano.

Esta é a terceira actuación da Xunta no marco da creación do eixe de mobilidade sostible que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km de itinerarios que suporán un investimento global da Xunta de preto de 12 M€.

En concreto, os dous primeiros tramos deste novo eixe de mobilidade, cuxas obras están xa licitadas e en fase de contratación, correspóndense co tramo da conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal; e o segundo treito, co itinerario desde a rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, ata San Caetano.

As actuacións do treito da senda de acceso ao CHUS

De xeito xeral, a conexión que permitirá alcanzar o Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo eixe de mobilidade sostible entre O Milladoiro e a intermodal comezará no antigo túnel de Adif e finalizará na avenida da Liberdade, no barrio de Santa Marta, nas proximidades do centro hospitalario.

Este itinerario divídese en tres subtreitos, conectando o primeiro o túnel de Adif e o río Sar; o segundo, ata o aparcadoiro disuasorio de Santa Marta; e o terceiro ata a avenida da Liberdade.

As actuación que se realizarán ao longo do trazado incluirán as obras de pavimentación e integración paisaxística, a execución do sistema de drenaxe das augas pluviais, así como de iluminación pública e instalación de mobiliario urbano. Tamén se procederá á reposición dos servizos afectados pola execución dos traballos.

Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública, vaise proceder á segregación do itinerario peonil e ciclista nos treitos nos que sexa viable, como son a conexión directa en baixada desde o itinerario do treito O Milladoiro-estación intermodal, e o treito comprendido entre o quilómetro 0+390 e 0+980.

Adaptarase o trazado na contorna do cruce sobre o río Sar, de xeito que o itinerario tanto peonil como ciclista aproveiten a pontella existente, suprimindo a pasarela prevista no proxecto de trazado sometido a información pública e evitando así a implantación dun novo itinerario na zona inundable deste río.

Atendendo ás suxestións presentadas polo Concello de Santiago, de reducir a ocupación nos ámbitos DM-2 e ZL-5 do Plan Parcial do SUP-6 de Santa Marta, tamén se vai axustar o trazado no treito final, eliminando a franxa verde de separación entre a beirarrúa e o carril bici.

Estas intervencións, promovidas pola Xunta ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, teñen como obxectivo favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa avanzando na materialización e desenvolvemento do eixe de mobilidade sostible, que está consensuado co Concello de Santiago, co obxectivo de crear na cidade un percorrido exclusivo para peóns e ciclistas de novo trazado, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado.

Todas as actuacións desenvolveranse de xeito coordinado, tendo en conta que o prazo de execución do tramo de conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal é de 18 meses; o do segundo treito, entre a intermodal e San Caetano, de 15 meses; e este terceiro treito de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, de 14 meses.

 
Data de actualización: 26/07/2023