O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a formalización do encargo á empresa pública

A Xunta publica a encomenda a Seaga da mellora do sistema de abastecemento e saneamento do núcleo urbano da Gudiña, que suporá un investimento de case 210.000 euros

Executarase a renovación das conducións das redes municipais nas rúas Cima da Aldea e Fonte Filgueira que, xunto ás que xa se se teñen realizado na contorna, permitirán a modernización destes servizos nas principais rúas da vila

As novas redes integraranse nunhas infraestruturas urbanas para dar servizo á totalidade do núcleo de San Martiño e San Pedro da Gudiña, cunha poboación equivalente de 812 habitantes para o ano horizonte 2035

As intervencións enmárcase na colaboración entre a Xunta, que executa e financia a actuación, e o Concello, que asume a realización dos trámites municipais necesarios para levala a cabo, así como o mantemento e conservación das novas infraestruturas

Os traballos contan cun prazo de execución de 7 meses

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a formalización da encomenda á empresa pública Seaga da execución das obras de mellora do sistema de abastecemento e saneamento municipal no núcleo urbano, cun investimento autonómico de 208.409 euros.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 7 meses, consisten na renovación das conducións de abastecemento e saneamento municipal nas rúas Cima da Aldea e Fonte Filgueira, no centro da vila ourensá.

As obras a executar

Na actualidade o núcleo da Gudiña precisa dunha serie de melloras nos servizos de abastecemento e saneamento municipal nalgunhas das rúas do seu centro histórico.

Mediante esta encomenda ampliaranse as actuacións de renovación das redes de saneamento e abastecemento que xa se teñen realizado en varias rúas do núcleo, incluído un treito da propia rúa de Cima da Aldea, polo que coa execución destas novas obras quedarán renovados os servizos nas principais rúas da vila.

Deste xeito, coa encomenda da entidade hidráulica da Xunta a Seaga, intervirase na mellora da rede de abastecemento comezando pola instalación de tubaxe de polietileno e a colocación na dita rede das correspondentes chaves de paso e bocas de rega instaladas en pozo. A lonxitude total da nova rede acadará os 120 metros na rúa Cima de Aldea e os 50 metros de lonxitude na rúa Fonte Filgueira. Tamén se reporán as acometidas domiciliarias en arquetas de rexistro con tapas de fundición.

No caso da rede de saneamento, seguindo as pautas das rúas que xa foron arranxadas, habilitarase rede separativa de saneamento de fecais e pluviais. Para as fecais instálase tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, e para a de pluviais tubaxe de PVC de 250 mm.

Nesta encomenda inclúese a colocación de pozos de rexistro cada 50 metros, tanto para fecais como para pluviais, de formigón en masa, con cerco e tapa de fundición reforzada. Tamén se instalarán sumidoiros cada 8 metros, distribuídos polo eixe da rúa cunha separación de 10 metros.

Ademais efectuarase a reposición das conexións domiciliarias, tanto de saneamento como de pluviais.

Aproveitaranse tamén os traballos para proceder ao soterramento do tendido de enerxía eléctrica en baixa tensión e disporase dun novo alumeado público, que contará cun sistema para o aforro de enerxía mediante equipo estabilizador redutor.

A reposición do pavimento afectado polas obras realizarase seguindo o deseño empregado en treitos contiguos xa executados, dando continuidade ao existente e conforme aos criterios consensuados coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Con estas obras, as redes executadas intégranse nunhas infraestruturas urbanas que darán servizo á totalidade do núcleo de San Martiño e San Pedro da Gudiña, cunha poboación de 812 habitantes equivalentes para o ano horizonte 2035.

Esta intervención enmárcase no convenio selado entre a Xunta e o Concello da Gudiña, polo que a administración autonómica se compromete a executar e financiar integramente as actuacións; e a administración local, pola súa banda, a realizar os trámites municipais necesarios así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

A intervención será financiada con fondos europeos no marco do eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte de resposta da Unión á pandemia da covid-19.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230726/AnuncioO143-100723-0001_gl.html

Data de actualización: 26/07/2023