A Xunta destina 3 M€ en axudas a preto dun centenar de beneficiarios para a creación de superficies forestais en algo máis de 1.600 hectáreas de monte

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas para a creación de superficies forestais

Logo de recibir un amplo número de solicitudes que cumprían todos os requisitos necesarios para ser beneficiarias da axuda, a Xunta optou por levar a cabo unha ampliación de crédito

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2023 Preto dun centenar de persoas (99) beneficiáronse dos tres millóns de euros en axudas para a creación de superficies forestais, tal e como indica a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Esta partida contaba inicialmente cun orzamento dun millón de euros. Logo de recibir un amplo número de solicitudes que cumprían todos os requisitos necesarios para ser beneficiarias da axuda, a Xunta optou por levar a cabo unha ampliación de crédito de dous millóns de euros. Polo tanto, estas axudas contarán a partir de agora cun orzamento de 3 millóns de euros.

Están destinadas á creación de superficies forestais formadas por coníferas de ata cinco especies diferentes, como o piñeiro do país ou o piñeiro silvestre, e ata 21 especies de frondosas, como o castiñeiro, o carballo ou o bidueiro. Nesta liña, as actuacións que son obxecto das axudas son aqueles gastos de planificación forestal e de área de defensa contra incendios forestais. Isto inclúe os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta e os gastos de plantación propiamente dita e a área de defensa contra incendios, así como aquelas infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.

Así, 99 persoas titulares puideron beneficiarse destas achegas. Son maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas e as sociedades de fomento forestal.

A partir de mañá comezará o prazo para executar os traballos. Este prazo para xustificar e executar finalizará o 15 de marzo de 2024 para todos os beneficiarios excepto ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que terán ata o 15 de abril de 2024. 

Enlace á resolución:

Data de actualización: 24/07/2023