A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe a reunión da Oficina Técnica da Seca, na que participan Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural

A Xunta declara a prealerta por escaseza moderada de auga nas bacías do río Mero e do río Anllóns, na zona norte da Coruña e no subsistema de Baiona

Os encoros de Cecebre e de Baiona presentan niveis de ocupación inferiores aos da media e no caso do río Anllóns advírtese unha baixada do caudal

Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento, pasando dun seguimento mensual a unha análise cada 15 días

Os datos reflicten niveis de normalidade no resto da demarcación de competencia autonómica, cunha ocupación actual dos encoros de abastecemento do 86%

A Xunta comunicará inmediatamente a declaración do estado de prealerta aos municipios dos sistemas de abastecemento afectados, aos que se recomendará que adopten medidas de aforro de auga

A Oficina Técnica da Seca incide na necesidade de manter as medidas preventivas, sendo necesaria a colaboración dos concellos e da cidadanía, coa restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023 A Oficina Técnica da Seca da Xunta activou hoxe a declaración de prealerta por escaseza de auga moderada no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; na bacía do río Anllóns e costa da Coruña ata o límite de Arteixo; e no subsistema de Baiona.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe a primeira xuntanza do verán da Oficina Técnica da Seca, na que participan, xunto aos técnicos de Augas de Galicia, representantes de Protección Civil, de Meteogalicia e da Consellería do Medio Rural.

A Oficina Técnica da Seca confirmou que a situación do resto dos sistemas de abastecemento da Demarcación Hidográfica Galicia-Costa, de competencia da Xunta, presenta niveis de normalidade.

A ocupación actual nos encoros de abastecemento de Galicia-Costa, a data 17 de xullo, é do 86%. A directora de Augas de Galicia animou a manter de xeito xeral as medidas de uso responsable da auga para preservar e garantir este recurso natural.

Teresa Gutiérrez explicou que a situación actual na Demarcación Galicia-Costa non se corresponde cun estado de seca, se ben algúns sistemas empezan a mostrar certas debilidades que fan preciso esta declaración de prelaerta por escaseza.

En concreto a declaración de prealerta no sistema de explotación do encoro de Cecebre, na bacía do río Mero, Arteixo e ría da Coruña, prodúcese por atoparse a ocupación por debaixo da media dos  últimos anos, situándose na actualidade a un 69%.  Augas de Galicia traballará co xestor dese sistema de abastecemento para facer seguimento da situación. A directora de Augas de Galicia explicou que existe a posibilidade alternativa de utilizar as reservas de auga do lago de Meirama no  caso de ser necesario, o que significa que o abastecemento está garantido.

No caso do sistema de explotación do río Anllóns, a declaración de prealerta por escaseza obedece á baixada dos niveis de caudal fluínte.

A directora de Augas de Galicia, indicou que a Oficina técnica da Seca tamén a declaración de prealerta de escaseza para activar as medidas equivalentes no subsistema de Baiona polo actual volume encorado (77%),  tendo en conta que é un encoro de pequeno tamaño e á vista da situación meteorolóxica e do aumento da poboación estival na zona.

Comunicación aos concellos

A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía.

Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento, pasando dun seguimento mensual a unha análise cada 15 días e avaliando un abano máis amplo de indicadores.

Ademais, segundo estable o Plan de Seca da Demarcación Galicia-Costa, Augas de Galicia informará desta declaración por escrito aos alcaldes dos municipios dos sistemas de abastecemento da Demarcación nos que hoxe se activou o estado de prealerta por escaseza.

Na comunicación aos concellos Augas de Galicia traslada medidas estratéxicas que se propoñen adoptar neste estado de prealerta, nas que se inclúen o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización da información.

Tamén se incide nas medidas de concienciación cidadá acerca da escaseza de auga e da necesidade de aforro, a través de campañas e bandos municipais; así como no control do usos e detraccións do recurso desde o organismo de conca e o control dos usos a nivel dos concellos ou sistemas de abastecemento.

Dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo unha labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.

Na carta remitida tamén se lles solicita aos concellos que anticipen as medidas que consideren precisas en caso de que a situación se vexa agravada e que comuniquen a Augas de Galicia calquera incidencia que se produza no seu municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023