A Xunta inviste 550.000 € na mellora e reparación do estadio municipal da Malata en colaboración co Concello de Ferrol

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinaron o acordo para reforzar a seguridade dunhas instalacións deportivas emblemáticas para cidade ferrolá

As accións previstas buscan corrixir diversas deficiencias en materia de incendios, utilización por parte da cidadanía, salubridade e na instalación eléctrica

Ferrol, 21 de xullo de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinaron hoxe un acordo para a mellora e reparación do estadio municipal da Malata cun investimento de case 550.000 euros. Segundo o convenio asinado nun acto que contou coa asistencia da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o Goberno galego financiará as obras previstas, declaradas de emerxencia e que serán executadas polo Concello de Ferrol.

O obxectivo é corrixir diversas deficiencias detectadas en materia de seguridade a causa da deterioración nunhas instalacións deportivas emblemáticas para a cidade ferrolá. Así, vanse renovar as carpinterías metálica e de madeira, e as instalacións eléctrica, de fontanería, de climatización e de ventilación. Tamén se prevé a instalación de megafonía de seguridade e a limpeza e saneamento da cuberta, entre outras accións.

Trátase de reforzar as condicións de seguridade en materia de incendios, onde se detectaron deficiencias en evacuación, sinalización, detección, extinción e alarma; na utilización por parte da cidadanía, con melloras na iluminación de emerxencias e evitando riscos derivados de desprendementos e desniveis; de salubridade, con novos sistemas de ventilación e fontanería; e da instalación eléctrica para previr riscos de curtocircuíto e incendio.

Apoio a prol dos servizos municipais

Segundo sinalou Diego Calvo, a iniciativa enmárcase na aposta da Xunta pola colaboración cos concellos para a mellora das infraestruturas a prol da prestación de servizos municipais e da práctica de actividades deportivas. “O acordo pon de manifesto o compromiso do Goberno galego co deporte local e para facilitarlle a práctica deportiva entre ao conxunto da cidadanía”, apuntou.

Nesta liña sinalou que o estadio municipal da Malata conta con instalacións de uso cotiá tanto por parte da veciñanza como de clubs de diferentes disciplinas que se aloxan no edificio. Cunha superficie aproximada de 15.000 m2, dispón dun campo de fútbol e de piscina climatizada, entre outras dotacións deportivas, así como de locais, oficinas e vestiarios. A súa cabida pode superar as 12.000 persoas durante a celebración de partidos de fútbol, o que require de medidas que garantan a máxima seguridade para os distintos usuarios.

Na súa intervención, o alcalde de Ferrol enmarcou o acordo na aprobación das obras de emerxencia do estadio da Malata por parte da Xunta de Goberno local o pasado luns ante as deficiencias e deterioración detectadas nas instalacións. “Por este motivo solicitóuselle á Xunta financiamento para acometer as melloras o antes posible”, apuntou ao tempo que agradeceu a axilidade na xestión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023