A Xunta reafirma o seu compromiso co rural a través da mellora das súas infraestructuras que facilitan a vida dos habitantes do agro

O conselleiro do Medio Rural visitou as obras de rehabilitación da ponte do Río Cabalar, que favorecen o tránsito entre dúas aldeas do concello coruñés de Vilasantar

José González fixo tamén fincapé nas medidas da Xunta que loitan contra o abandono do agro e que permiten fixar poboación no rural, como son as concentracións parcelarias e os instrumentos de recuperación da terra agraria

Vilasantar (A Coruña), 21 de xullo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou hoxe as obras de rehabilitación da ponte do Río Cabalar, no concello coruñés de Vilasantar, que facilitan a mobilidade dos veciños da zona. Alí, o conselleiro fixo tamén fincapé na importancia das medidas da Xunta que permiten fixar poboación no rural e loitar contra o abandono, caso das concentracións parcelarias e os instrumentos de recuperación da terra agraria.

En canto á rehabilitación desta ponte en Vilasantar, José González explicou que a actuación está enmarcada dentro do Programa de Infraestruturas Rurais que busca facilitar e mellorar as condicións de vida dos veciños. Neste caso, a ponte une os lugares de Fraga e Paizás e discorre ao longo de 19 metros. Ademais, está previsto que se amplíe a súa plataforma ata os cinco metros.

Así mesmo, o conselleiro salientou que neste concello de Vilasantar a Xunta puxo en marcha dúas concentracións parcelarias que permitiron mobilizar arredor de 1.586 hectáreas e que tamén están activas outras dúas zonas, nas que se prevé crear outras dúas parcelarias de iniciativa pública, que contarían cunha superficie de 1.990 hectáreas.

Fixar poboación

Neste senso, José González reafirmou tamén o compromiso da Xunta na mellora da vida no agro galego, co obxectivo de fixar poboación e loitar contra o abandono. Así, o titular de Medio Rural lembrou a Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia (Metaga), a través da cal dende o 2021 a Xunta rematou un total de 27 concentracións parcelarias que suman un total de 19.000 hectáreas.

Con todo, dende que a Lei entrou en vigor, actuouse en máis de 1.000 zonas que abranguen unha superficie de máis de medio millón de hectáreas e que, a súa vez, benefician a case medio millón de propietarios. Así mesmo, o conselleiro resaltou que a Xunta leva investido dende o ano 2009 un total de 118 millóns de euros para avanzar nesta materia.

O titular do Medio Rural tamén fixo fincapé nos mecanismos voluntarios de mobilización de terras recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Deste xeito, José González salientou o labor da Xunta a través da creación dos polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas, entre outras figuras.

Así, subliñou que actualmente en Galicia hai 21 polígonos agroforestais en diferentes fases de actuación e execución. No que se refire ás aldeas modelo, son 23 as que están aprobadas, co obxectivo de devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono. Deste xeito, trátase tamén de impulsar nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza na contorna senón que tamén reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023