O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a convocatoria desta orde de subvencións

A Xunta abre mañá o prazo para que os concellos pidan axudas para mellorar a accesibilidade nos seus edificios e espazos públicos

Destínanse máis de dous millóns de euros para avanzar na supresión de barreiras en concellos e mancomunidades que conten cun censo máximo de 10.000 habitantes

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023 Os concellos e as mancomunidades que conten cun censo máximo de 10.000 habitantes teñen a partir de mañá un mes de prazo para solicitar acollerse á nova orde de axudas da Xunta de Galicia para a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras en edificios, instalacións, equipamentos e espazos públicos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a convocatoria que regula a concesión destas achegas económicas, que conta cun orzamento de máis de dous millóns de euros.

Subvencionarase un único proxecto por concello e o importe da axuda poderá ser de ata o 100% do seu custo, cun límite máximo de 48.400 euros. Así mesmo, financiaranse as actuacións que se executen desde o 1 de xaneiro ao 5 de decembro deste ano 2023. Entre as intervencións que se poderán acoller a estes fondos están, entre outras, aquelas que supoñan a mellora de entrada a inmobles e a adecuación de espazos públicos; a instalación de ascensores e ramplas; a habilitación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida; a dotación de mobiliario urbano e equipamento municipal ou a colocación de sinalización, información e iluminación accesibles.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva. As solicitudes teñen que presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O 100 % dos fondos desta convocatoria son con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia que financia a Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.

 

Data de actualización: 21/07/2023